Idea central

portada-facebook-bng (1) - copia

Imos mirar de cara e combater a perda continua de poboación. Porque non hai futuro sen persoas, sen xente nova, sen cativos que percorran as rúas e xoguen nos parques do noso concello, os nosos esforzos estarán encamiñados a incrementar a poboación. Nesta Pobra que queremos cabemos todos e todas, e moitos máis. Así que imos esforzarnos para convertela nun lugar idóneo para vivir e traballar.

Con ese claro obxectivo poñeremos en marcha as medidas necesarias para cambiar a dinámica demográfica, que pasan pola activación do mercado inmobiliario creando unha bolsa de alugueiro das vivendas baleiras, actuando como garantía pública entre os propietarios e alugadores, e desenvolvendo un plan de rehabilitación das mesmas xunto coa creación de obradoiros de emprego que,  asemade, permitirán a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social e desempregadas en xeral. Tamén desenvolvendo outras ferramentas para  promocionar o emprego na vila, reclamando novas titulacións para o IES e realizando convenios con entidades e empresas para  desenvolver titorías de formación. Ou realizando en colaboración cos colectivos sociais iniciativas empresariais e de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.

No BNG temos claro que o eixo do noso traballo son as persoas. Sen persoas non hai presente e tampouco hai futuro. Por iso, deter a perda de poboación é a nosa tarefa máis urxente e prioritaria: a ela queremos dedicar os nosos esforzos construíndo novas infraestruturas e implantando programas e actividades que axuden á conciliación familiar e laboral. A iso hai que engadir a reclamación da titularidade daquelas vías de comunicación que son esenciais para o urbanismo do noso concello, favorecendo a accesibilidade física e mellorando os espazos e vías públicas para conseguir unha Pobra máis segura e incluínte.

Dende esta candidatura, formada por mulleres e homes exactamente coma ti, queremos que todas as persoas da Pobra superemos o recordo dos tempos pasados e traballemos, xuntos, pola Pobra que vai vir. Sen mirarnos nos demais, confiando nas nosas posibilidades, que son moitas, para establecer, un despois do outro, os pasos que sitúen a nosa vila nun camiño de progreso constante. Recuperar dunha vez por todas a maneira de ser dos e das pobrenses, o xeito cordial, aberto, atento, traballador e solidario que sempre nos caracterizou.

 

Queremos imaxinar, pensar, crear a Pobra do futuro, incluínte, para todos e todas. Esa é a proposta do BNG.