A mina de Touro - O Pino: unha ameaza para a Ría de Arousa
Uns poucos datos moi preocupantes
ANTECEDENTES.
A empresa Cobre San Rafael ten a concesión da explotación do xacemento “San Rafael” por un período de 90 anos, hasta 2068. Agora, aproveitando a tendencia alcista do prezo de cobre no mercado internacional, pretende reabrir e ampliar a explotación abandonada dende 1986.
O xacemento de cobre dos concellos de Touro e O Pino, na comarca de Arzúa, tiña dúas partes diferenciadas, por un lado a coñecida como mina Arinteiro, explotada por Atlantic Cooper ata 1986, e por outra os seus arredores, intensamente investigados por Peñarroya España e Rio Tinto Minera nos setenta e oitenta do século pasado. Pouco despois, na década dos noventa, os terreos foron adquiridos por Explotaciones Gallegas, con intereses na obra pública e privada, minaría de áridos, servizos de conservación, reciclaxe e restauración de espazos degradados. Coa súa sede nas antigas minas de Riotinto Patiño, era a titular dos dereitos mineiros en vigor.
En 2011, ano no que o cobre acadou o prezo máis alto en 44 anos, a canadense Lundin Mining asinou un acordo de opción de compra para facerse nun prazo de seis meses cos dereitos do Proxecto Touro por 60 millóns de euros. Segundo Lundin Mining, o valor do metal sería daquela duns 4.800 millóns de euros. Lundin puxo en marcha un programa de perforación de novos sondaxes de confirmación para definir as potenciais reservas de cobre e ouro, ademais dos correspondentes estudos técnicos de explotación e viabilidade. A pesares do esforzo investigador e dos bos resultados obtidos, segundo informou a propia empresa, Lundin renunciou a exercer a opción de compra, pois consideraba que os posíbeis beneficios económicos do proxecto poderían non chegar a satisfacer, nun momento dado, os criterios de investimento previstos.
No ano 2017 Explotaciones Gallegas e Atalaya Riotinto Minera decidiron relanzar o proxecto. Atalaya disporá do 80% da mina situada no Concello de Touro, quedando o 20% nas mans dos actuais propietarios galegos. Para relanzar a mina galega de cobre, e tamén para seguir explotando a de Río Tinto (Huelva), Atalaya lanzou unha ampliación de capital no pasado decembro. Nun intento de convencer os investidores, inmediatamente dixo que os seus catro actuais accionistas de referencia participaban nesta ampliación.
Así, dos 39,62 millóns de euros ofrecidos nos mercados internacionais; os suízos e singapurenses de Trafigura Beheer B.V. fixéronse co 22,8%; os chineses de Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd, co 22,7%; os norteamericanos de Liberty Metals & Mining LLP, co 14,5% e o capital estadounidense de Orion Mine Finance (Master) Fund I LP, co 13,9%.
QUEN É QUEN.
Atalaya Riotinto Minera. É dona ao 100% do Proxecto Riotinto (Huelva), onde procesa arredor de 9,5 millóns de toneladas métricas anuais. Ten un cadro de 350 empregados . A súa intención é mercar a totalidade dos dereitos arestora pertencentes a Explotaciones Gallegas e estender o proxecto ata una superficie de 122,7 km2. No ano 2016 foi sancionada pola Junta de Andalucía (4 faltas graves) por incumprimento de autorización ambiental nas minas de Riotinto (Huelva) e denunciada novamente pola Fiscalía en 2017 polas mesmas causas. En 2016 a Delegación Territorial de Economía, Innovación, Ciencia y Empleo de Huelva decretou a paralización temporal dos traballos de vertido de lodos nas presas da mina de Riotinto, ao comprobar que non se respectaban as porcentaxes de solidificación de residuos recollidos no proxecto de explotación, propostas pola propia empresa. Os valores medios de cobre, zinc e arsénico nas poboacións próximas superaron ata dez veces os dos lugares non afectados pola actividade mineira.
Ten conexións con sociedades en paraísos fiscais.
Trafigura Beheer B.V. É unha multinacional suiza do campo das materias primas cunha ampla participación no proxecto Riotinto Huelva.
Foi acusada de suborno dentro do programa de Petróleo por Alimentos da ONU, que encheu os petos dos gobernantes iraquís e dos controladores da ONU. Nun caso xudicial posterior, unha declaración desvelou que Trafigura ideou un plan para compensar as perdas anteriores no comercio de petróleo con Iraq.
En xullo de 2006 pretendeu descargar no porto de Amsterdam 550 m3 do tanque de augas residuais do buque Probo Koala. O cheiro a ácido sulfhídrico fixo saltar as alarmas e o buque saíu coa súa carga contaminante cara a Costa de Marfil. Alí entregaron as augas tóxicas a unha empresa instrumental que non as podía procesar nin tratar. Pagaron 18.500$ pero un ano despois tivo que chegar a un acordo co goberno de Costa de Marfil previo pago de 152 millóns de euros.
Intentouno de novo en xuño do 2007, descargando como residuos oleosos uns refugallos líquidos tóxicos. O cheiro denunciou a manobra de Trafigura, que tivo que pagar un proceso con todas as garantías na terminal especializada de Moerdijk.
Tamén foi declarada culpable de suborno a autoridades de Xamaica para ter vantaxes na relación coa compañía estatal do petróleo.
En setembro de 2016 quedou claro que Trafigura, xunto con Vitol, desempeña un papel moi importante na exportación de combustible tóxico a países africanos.Mesturan o petróleo de boa calidade con tóxicos como o xofre ou o benceno para crear o que eles chaman “calidade africana”.
Ten conexións con sociedades en paraísos fiscais.
Yanggu Xiangguang Copper Co., Ltd. É unha empresa adicada a fundir e procesar metais non ferrosos, aleacións, ouro e prata. Ten a súa sede en Liaocheng, China. É subsidiaria de Yanggu Hongxiang Investment Co., Ltd.
Non aparece relacionada con paraísos fiscais.
Liberty Metals & Mining LLP. Foi fundada en 2009 e ten a súa base cerca de Boston (Massachusetts). Pertence ao grupo asegurador Liberty Mtual Holding Company Inc
Orion Mine Finance (Master) Fund I LP. É un fondo de inversión con sede no paraíso fiscal corporativo de Estado de Delaware , EEUU, .
As dúas aparece nas listaxes de empresas relacionadas con paraísos fiscais do ICIJ.
O PROXECTO.
O xacemento de cobre de Touro é do tipo de minaría a ceo aberto, que consiste en escavacións con explosivos nos terreos, ou estériles, que recobren o material que se procura, o mineral. Esténdese polos concellos de O Pino (parroquias de Arca, Cebreiro, Cerceda e Gonzar) e Touro (parroquias de Bama, Loxo, Beseño, Fao e Touro), ocupando 88,5 Km2 (35,7% do territorio / 45,5% da súa poboación).) O actual proxecto afecta a 689 hectáreas: 197Ha da mina antiga (29%); 341Ha de bosque; 103Ha de sotobosque, e 48Ha de cultivo. Ás catro explotacións xa existentes (Arinteiro, Vieiro, Bama e Brandelos) vanse engadir dúas máis (Arca e Monte das Minas), ou sexa, 6 cortas mineiras principais e 4 secundarias.
Durante os 16 anos e medio de explotación, traballando de xeito ininterrompido 365 días ao ano, 24 horas ao día, produciranse 6 voaduras diarias, de entre 9 e 16 mil quilos de explosivos cada unha. Moveranse 267 millóns de toneladas de material: 5 millóns por ano durante os 3 primeiros e 8 millóns os 11 anos seguintes, pois no último ano so se transforma o material xa amoreado, previndo obter máis de 356.000 toneladas métricas de cobre (~ 23%).
O proxecto, que só destina o 6,7% do orzamento total á recuperación ambiental, non aborda a contaminación do río Portapego nin da balsa hiper ácida de Angumil, e pretende tirar para adiante sen solucionar as desfeitas anteriores.
Os promotores falan de minaría de transferenza, que non requiriría a formación de entulleiras, pois os estériles se utilizarían no selado dos ocos mineiros, pero o proxecto recolle a formación dun “depósito de estériles auxiliar ou temporal para os primeiros anos” (como mínimo ata o cuarto ano), así como de 4 entulleiras.
O proxecto inclúe ao desvío dos regos do Burgo e dos Pucheiros, construíndo un canle artificial de 1 quilómetro, pero non precisa de onde se vai obter o auga necesaria para as operacións, nin tampouco está claro a onde van ir os milleiros de metros cúbicos depositados na vella Arinteiro, que é preciso baleirar na fase previas das operacións. Prevé tamén o vertido de 1,8 millóns de metros cúbicos de augas do proceso ao medio durante 3 anos. O resto dos anos (do 4 ao 13) as augas producidas e tratadas serán utilizadas de novo, co que segundo a empresa a vertedura sería 0. Para o tratamento farase unha planta depuradora para corrixir a acidez e eliminar os metais, que funcionará coa técnica de aireación, encalado e decantación das lamas. Mais este sistema non garante a total eliminación de metais tóxicos (como o arsénico) e dos reactivos nas augas de proceso. A planta funcionará durante a vida útil e aínda que haberá plano de seguimento ambiental posterior ao peche, non fica claro quen se fará responsábel de eventuais fenómenos de verteduras e lixiviación orixinarios das cortas restauradas.
Aínda que os promotores dividen os residuos producidos en dous tipos: capaces ou incapaces de xerar drenaxes ácidas , o certo é que todos os estériles poden, nalgunha medida, producir drenaxes ácidas. A consideración da súa cantidade, actividade e perigo vaise facer con análises “sobre a marcha”, ou sexa, sempre a posteriori, o que non é máis que outra versión do “ti vai facendo”.
ALEGACIÓNS.
Presentaron alegacións os veciños de Touro e O Pino, os colectivos Salvemos Caban e Contraminacción, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Federación Ecoloxista Galega, e ADEGA.
CONTACTOS
Facebook:
Mina Touro – O Pino NON
Plataforma en defensa da ría de Arousa – PDRA
Contraminacción Rede