A CRISE QUE CHEGOU PARA FICAR. OU NON.

A dez anos da quebra de Lehman Brothers

images

Hoxe, 15 de setembro, cúmprense dez anos da quebra de Lehman Brothers, daquela o cuarto banco de investimento dos EEUU. O goberno do republicano George W Bush negouse a rescatalo e deu comezo á crise das hipotecas lixo, que contaminou todo o sistema bancario mundial.

A dez anos da quebra de Lehman Brothers

Hoxe, 15 de setembro, cúmprense dez anos da quebra de Lehman Brothers, daquela o cuarto banco de investimento dos EEUU. O goberno do republicano George W Bush – non confundir co seu pai George H.W. Bush, ex-presidente dos USA, amigo de Aznar e residente ocasional no arquipélago dos Azores – negouse a rescatalo e deu comezo á crise das hipotecas lixo, as concedidas aos que non tiñan ingresos, nin traballo, nin propiedades, as “ninja” polas súas iniciais en inglés (no income, no job or assets).

A cuestión viña de lonxe, dos inicios deste século XXI, cando moitos bancos norteamericanos negociaban hipotecas que supoñían o 120% do valor da casa a mercar, ou sexa, o total do prezo da vivenda nun mercado inmobiliario artificialmente inflado máis un extra (o 20%) para outros gastos. Despois con todas elas, boas e malas, facían un “american pie” que vendían en anacos. Cando as malas podreceron as boas, o diñeiro nin voaba, nin corría, nin andaba, polo que a economía especulativa, a que só xera ganancias contábeis e non postos de traballo, freou violentamente. Os executivos xa non podían presumir de dirixir bancos que cada semestre gañaban unha porcentaxe de dúas cifras sobre o semestre anterior ou sobre o do ano pasado. O forno foise ao carallo e con el os pasteleiros. Iso si, co peto ben cheo de cartos. Non había diñeiro; non había creto; non había empresas pequenas ou medianas. Non había traballo. Os bancos reclamaron as vivendas non pagadas aos titulares das hipotecas, mesmo aos que acababan de perder o traballo que tiñan cando a solicitaron.

A xente resistiu a presión dos bancos como puido pero polo camiño quedaron moitos e moitas:

http://www.elmundo.es/espana/2014/09/04/54085a6ce2704e0c188b4585.html

https://es.euronews.com/2018/06/14/un-hombre-se-suicida-en-cornella-cuando-iba-a-ser-desahuciado

E sempre haberá quen saque tallada da miseria dos demais:

https://www.idealista.com/news/etiquetas/fondos-buitre

En agosto de 2011, o presidente do goberno de España, J.L.R.Zapatero, do PSOE, man a man con M.Rajoy, do PP, e a convidada de pedra Unión del Pueblo Navarro, asinaron con premeditación, nocturnidade e aleivosía, unha modificación express da constitución para poñer o pago da débeda pública por diante de CALQUERA OUTRO GASTO dos orzamentos do Estado. A modificación tamén supón, entre outras condicións, que será a Unión Europea quen diga canto se poden endebedar os españois.

Claro que no 2008 o mesmo Zapatero xa avalara con 100.000 millóns de euros (facede o favor de dicilo en voz alta) os bancos que segundo o seu ministro de Economía, Solbes, eran “solventes”. Bogando a babor e a estribor, o presidente tamén asegurou que “si todo sale bien” non tería custe para o contribuínte. Daquela a débeda pública do Estado era arredor do 40% do PIB.

O ano pasado cuantificouse en 77.000 millóns de euros (tamén en voz alta, por favor) o capital inxectado aos bancos. Desta cantidade, os gobernantes, que volven a ser do PP e do PSOE, din que non se recuperará o 80%. Ou sexa, que de cada 10€ entregados os españois van perder 8. E namentres Zapatero en Venezuela e Rajoy en Santa Pola. Tranquilamente.

O vendaval levou por diante caixas de aforros, bancos e experimentos como Bankia. Pero o máis importante é que levou por diante vidas, esperanzas e futuros. A clase media traballadora tivo que escoitar como lle botaban as culpas do desastre pois “viviran por enriba das súas posibilidades”. E ao tempo que uns acadaban un retiro dourado, os máis, os que sempre cumpriron coas súas obrigacións, sufriron as consecuencias dos recortes na sanidade, na educación, na dependencia e nos servizos sociais.

Chegaron os oráculos e explicaron de que morrera aquel que non souberon curar cando aínda estaba vivo. Ou puidera ser que nunca souberon ou quixeron saber que estaba enfermo. Un deles afirmou que se o IBEX 35 baixaba dos 8.000 puntos o mundo estouparía. E estes días eses mesmos oráculos din de novo que o enfermo ten síntomas de non andar ben. E volven a receitar as cataplasmas de Sor Virginia que lle recomendaban ao morto no 2008.

E cos oráculos chegaron os pallasos, os bufóns da corte capitalista dun e doutro lado do Atlántico, Obama e Sarkozy, contando o conto da refundación do capitalismo sobre bases éticas.

Nese prazo de tempo cambiaron moitas cousas a peor. O INE , con datos de 2015, indica que a porcentaxe de persoas que viven baixo o limiar da pobreza aumentou ata superar o 15%. Claro que se utilizamos as táboas da UE para a estratexia 2020, a porcentaxe é do 27,9%. Medraron as desigualdades, de tal xeito que a que se dá entre o 20% máis rico e o 20% pobre é das máis altas da UE e segue crecendo. E tamén outra aínda máis vergoñenta, a que nos informa de que o 1% da poboación mundial acumula o 82% da riqueza do planeta. Igualmente aumentou o coeficiente que indica a concentración da renda nun país, o que xunto coa caída dos ingresos medios e a suba das porcentaxes de risco de pobreza e exclusión social mostran ben claramente que a recuperación económica prodúcese a costa dunha maior desigualdade. O paro mantense nos tres millóns de desempregados e son moitos os traballadores e traballadoras con salarios que non lles permiten chegar a final de mes.

Remato xa. Dende hai uns días estamos a escoitar advertencias de desaceleración e chegada dunha nova crise. Pode ser. Posiblemente será se encomendamos a mellora do enfermo aos mesmos gobernantes que o mataron fai 10 anos.

Tende coidado co voto. Cárgao o demo.

A dez anos da quebra de Lehman Brothers