As cancións da miña vida

download
As cancións da miña vida

Boa tarde de novo, amigos e amigas. Grazas Néstor por explicarnos a importancia de ter voz propia en Bruxelas. Grazas Laura por honrarnos coa túa participación na candidatura do BNG.

Antes de nada quixera expresar a nosa solidariedade con Montserrat López e o noso desexo de que se recupere pronto da agresión sufrida en Vimianzo pola súa exparella. Nin unha máis!!!

E agora permitídeme que faga un repaso polas cancións que marcaron as nosas vidas.

Empezarei por unha da miña xuventude, xa rancia e pasada de moda: La culpa fue del chachachá. No BNG levámola escoitando todo este último mandato. O PP insiste en que a culpa do abandono da Pobra é do BNG por apoiar a investidura do actual alcalde e por non aceptar a proposta de participar con eles nunha moción de censura. Señores e señoras, nenos e nenas, o BNG apoiou a investidura do señor Piñeiro porque as urnas foran claras: a Pobra non quería outro goberno do PP e quen máis concelleiros tiña era NP. O PP ofreceunos, disque,  a alcaldía dun posíbel goberno BNG-PP resultante dunha moción de censura a realizar en xuño do pasado ano. En serio? No último ano de mandato, con nada feito nos 3 anos anteriores e todo por facer NUN ANO!!! O PP quería que gobernásemos xuntos? Que proxectos pretendía desenvolver? As tan demandadas obras necesarias para a recuperación dos nosos bancos marisqueiros que defendemos nós ou a ampliación do peirao comercial que os destruiría definitivamente e que levan eles no seu programa? A recuperación das naves dos Areos para uso público que defendemos nós ou o derrube que defenden eles? A dotación de profesorado e medios suficientes nas nosas escolas que defendemos nós ou o desvío do alumnado a centros concertados que defenden eles? A creación de máis e mellores infraestruturas e servizos públicos que permitan a igualdade entre homes e mulleres ou o “cheque bebé” que defenden eles? O único que quería o PP era sacar do concello aos que estaban “gobernando” para poñer a Ramiro, a xeito de monicreque, que se esparrase e poder vir eles agora de salvapatrias.

Iso si, tería estado ben ese contubernio judeo-masónico só por unha cousa: a ver se así deixaban de dar a matraca todo o día co famoso Centro de Saúde fantasma. Fantasma, porque nunca estivo nos orzamentos da Xunta de Galicia, porque non é certo que nós quedamos sen el e levárono para Melide: en Melide seguen a ter hoxe o mesmo Centro de Saúde que tiñan hai 4 anos e hai 8 e hai 10. Menten como bellacos e non teñen ánimo de remuxicar este noso concello. Só queren volver ocupar a cadeira que cren que lles corresponde por dereito natural para seguir mangoneando. Nada máis.

Pero o PP non foi o único cantante, cantantes nesta nosa vila hai unha chea, tamén NP entoou con frecuencia ese retrouso, mal, pero entoouno. Ofrecémoslle ao BNG gobernar con nós e non quixeron. Perdoa? Traballar no goberno sen ter a responsabilidade de ningunha concellería é cogobernar? Non. Iso é facer de criados!!! Algo moi do agrado destes de NP: que traballen para eles, que xa logo eles se encargarán de levar o mérito. Senón que lle pregunten a quen dirixía o grupo de teatro do Concello e organizaba unhas estupendas xornadas de teatro en outubro das que logo a concelleira se poñía as medallas, ninguneándoo. Ata que se cansou e marchou, cabreado. Unha mágoa, mais esta é a súa maneira de gobernar.

Tamén foi culpa do BNG, disque, a paralización do concello, o abandono, a falta de mantemento e de servizos. Non foi culpa da súa inoperancia, nooon. Foi culpa do BNG que lle poñía paus nas rodas. O BNG, que pelexou con eles para conseguir uns orzamentos de xeito no 2016, nos que se incluíse un parque infantil cuberto, o arranxo do Camiño Real na Ribeiriña, a protección da praia da Corna, a dotación de saneamento alá onde falta e tantas outras cousas que eles non contemplaban. Incluíronse, mais, onde están? Foi culpa do BNG que numerosas propostas, tanto do goberno como da oposición, que se aprobaron por unanimidade non se levaran a cabo? Mais, oh, sorpresa! Mocións presentadas polo BNG, aprobadas por unanimidade, non executadas neste mandato, aparecen agora como proxectos estrela de NP no seu programa: a declaración de Espazo Natural de Interese Local para a praia e as dunas da Corna e da Illa, moción do BNG aprobada en xuño de 2016; espazos comúns de traballo e de convivencia para artistas, moción do BNG aprobada en febreiro de 2016; plataforma única na rúa San Roque, moción do BNG aprobada en novembro de 2016, etc., etc. etc. Por copiarnos, ata copiaron palabras textuais do noso candidato á alcaldía. Hai alguén aquí que estivera nalgún dos nosos mitins este ano ou hai 4 anos e non escoitara a Ramiro falar do bulevar nas rúas da Paz e Díaz de Rábago??? Pois si, amigos e amigas, non o creredes, pero o bulevar de Ramiro tamén vai no programa de NP. Temo que se lles vai converter en “el bulevar de los sueños rotos”. En serio pretenden facernos crer que todo o que non deron feito antes vano dar feito agora????

E imos con Bob Dylan. Transparencia, participación? The answer, my friend, is blowing in the wind. A resposta está flotando no vento. Vouvos contar unha anécdota. No ano 2016, cando “obrigamos” ao goberno municipal a negociar uns orzamentos de consenso para darlles o noso voto, sentámonos a falar do proxecto que eles nos presentaban e dixémoslles: onde están as demandas dos veciños e veciñas cos que vos estivestes reunindo? Resposta: ah, non, as propostas que nos deron os veciños e veciñas nesas reunións non as incluímos. Flipa! Ese é a súa idea da participación: o regulamento de participación que o BNG propuxo no pleno e que emendou e mellorou e toda a corporación aprobou dorme nun caixón, mentres o goberno municipal vai facendo asembleas de paripé que non implican ningún compromiso. “Con nós decides ti”, seique. Parole, parole (esta é máis dos tempos de Ramiro).

A transparencia: estes días estades vendo na prensa a polémica desatada pola modificación do PXOM no polígono 2 por decreto da alcaldía, sen informar ao pleno nin levar alí a aprobación inicial dese proxecto; levamos meses sen recibir actas das xuntas de goberno; preguntas sobre asuntos de interese xeral nunca reciben resposta... Transparencia? Nada da nada, nada de ti, nada de mi, una brisa sin aire... The answer, my friend, is blowing in the wind.

Pero non só PP e NP nos inspiran recordos musicais. E ademais de cancións tamén está ben recordar de cando en vez os retrousos populares. E o PSOE recórdanos aquel famoso que di: “Ti es de aquí ou viñeches á festa?” Algunhas viñeron á festa. O que non sei é se saberán atopar a verbena...

Para rematar o meu hit parade, propóñovos que cantedes connosco hoxe, e mañá e pasado e despois do 26, esa fermosa canción de Guadi Galego titulada “Chea de vida”, porque nos queremos cheas de vida, queremos unha Pobra chea de vida que será posible se votades BNG; votade o orixinal, non a copia, estamos en contra do pirateo. No noso barco non hai piratas e conta co mellor capitán, Ramiro Ouviña, coa sabedoría e a ilusión necesarias, coa maior capacidade e a mellor tripulación. AGORA A POBRA; AGORA BNG

As cancións da miña vida