Hoxe coma onte. Catro anos sen froito.

actoo

Exposición de Ramiro Ouviña Ouviña, candidato do BNG á alcaldía da Pobra, no acto central do 19 de maio de 2019

Hoxe coma onte. Catro anos sen froito.

Boas tardes, benvidas e benvidos. Moitísimas grazas por acompañarnos hoxe, tamén hoxe. A vosa presenza nos actos que celebramos pola vila adiante, dende San Isidro ao Vilariño, pasando pola Crocha ou A Lomba, son impulsos de apoio e compañeirismo.

Permitídeme que teña un recordo e un agradecemento especial para a xente que buzoneando a información do BNG percorren día tras día, animosamente e sen descanso, cada camiño e cada rúa do noso concello, nomeadamente entre todas a Laura, Antía e Lidia. E dende logo, grazas a Manel e Verino polo seu enorme esforzo coa intendencia.

Cando vin este vídeo veume automaticamente á cabeza o tempo dos meus primeiros viaxes como oficial da mariña mercante. Terceiro e segundo oficial duns bulk carriers que adoitaban cargar máis de 180 millas arriba do Rio Orinoco, en Venezuela. Daquela un político venezolano facía campaña para a Presidencia da República acompañado dunha melopea que repetía incansablemente “ese hombre si camina”.

Outra batalliña de xubilado máis.

Mirade, en momentos coma este, un deses máis importantes das campañas electorais, cando todos queremos que nos acompañe o maior número de persoas posible, cando precisamos ver máis que sentir o alento da xente que comparte contigo ilusión, proxecto, suor, esperanza e tantas outras cousas, nestes momentos en min sempre xurde a dúbida de se é mellor berrar, gritar, ou falar e escoitar.

É ben certo que a opinión que temos de nós mesmos moitas veces non coincide coa verdadeira, ou cando menos coa que os demais teñen de un. Eu non son home de tribuna, de palestras, a pesares de que a miña actividade como concelleiro me obrigue a frecuentalas máis do que me gustaría. Considérome persoa de distancias curtas, de compartir, de debater en petit comité máis que en multitudes, aínda que case sempre levante a voz máis do desexable levado por unha paixón que desde logo non me afasta do sentido común.

Hoxe estamos onde estabamos hai catro anos. O bucle continuo que semella ser a vida, a volta unha e outra vez ao mesmo punto de partida, o comezo de algo novo que ten aparencia de xa vivido, repítese hoxe aquí.

Hai catro anos era outro sitio pero a mesma cerimonia. Daquela eu, que levaba dende 2003 aparecendo nas listas municipais do BNG, presentábame para un futuro que descoñecía, ser concelleiro, quen sabe se  alcalde, da Pobra, do lugar onde nacín e vivo, do lugar que quero.

Dende o luns 25 de maio, soubemos que tiñamos un problema. Os resultados das eleccións deixaban un escenario moi complicado. O BNG non saíra ben das urnas pero estaba claro que ía ter un papel decisivo no futuro goberno da Pobra. E actuamos en conciencia, con responsabilidade, examinando o que era o presente daqueles días, sen saber, dende logo, o que traería o futuro. Pensamos e sopesamos, consultamos abertamente á militancia e á cidadanía. E tomamos a decisión que criamos mellor en xullo de 2015. A que semellaba a necesaria en xullo de 2015.

Encaramos o mandato conscientes de ser responsables da custodia dun número moi importante de votos, que é o mesmo que dicir de esperanzas, de homes e mulleres da Pobra. Tiñamos que ser merecentes de tal misión.

Paseniñamente, pleno tras pleno, presentamos e defendemos mocións que formaban parte do noso programa. En todo momento fomos consecuentes co compromiso que precisamente con ese documento, co programa de 2015, establecéramos coa veciñanza.

Propuxemos un Regulamento de Participación Cidadá para que o concello tornara as súas paredes de digno perpiaño en cristal claro, diáfano, transparente.

E tamén participamos noutros regulamentos que se presentaron, que están perdidos nalgún caixón do concello, porque agora xa non lles interesa levalos adiante.

Falamos de seguridade viaria, de pasos de peóns mellor sinalizados e mellor coidados. De regular a velocidade máxima a 30 km/hora. De itinerarios seguros para que os escolares poidan ir camiñando sen perigo ata os seus centros.

Falamos de crear unha vila na que todos e todas podamos movernos, unha vila que non discrimine a ninguén.

Falamos de emprego e de obradoiros, para todos e todas, pero especialmente para a xuventude e para os colectivos máis golpeados polo paro e o traballo precario.

De centros sociais onde veciños e veciñas se reúnan e compartan tempo e lecer.

Propuxemos rehabilitar vivendas  e medidas para combater as emerxencias sociais, para que os máis febles non se queden nin atrás nin fóra.

E propuxemos CULTURA, con maiúsculas, no centro en nas parroquias. Defendemos o galego, este fermoso idioma no que vos falo e nos entendemos, propoñendo unha declaración institucional e a creación do Servizo de Normalización Lingüística.

E defendemos ás mariscadoras e mariscadores contra a lei de acuicultura e a contaminación da mina de Touro, aos mariñeiros da Long Hope que seguen loitando contra o goberno noruegués reclamando as pensións que lles deben, ao sector leiteiro contra os abusos das multinacionais do sector. E ás vítimas do Alvia, que apoiamos no pleno da Pobra. E ás nais e pais que se preocupan pola perda de calidade do ensino público. E aos traballadores do porto. E volverémolo a facer tantas veces coma sexa preciso.

Loitamos contra as especies invasoras do noso entorno e nos preocupamos por espazos degradados como son os ríos, a Corna, etc.

Loitamos e seguiremos loitando polas naves dos Areos, a ponte das Taras o hospitaliño de Rafael Calleja e todo o fermoso patrimonio pobrense.

E propuxemos o Consello Escolar Municipal, e o Centro de Información da Muller, e un refuxio animal para toda a comarca.

E nos negamos a apoiar as medidas electoralistas, cínicas e demagóxicas que se debateron no pleno, particularmente as do señor Durán convertido en altofalante da Xunta de Galiza, pretendendo que fora o goberno municipal quen levara a cabo proteccións que corresponden á Xunta.

E nos negamos a pagar cos cartos municipais aquelas obras que se podían facer con cargo a outras administracións, ou diferentes liñas de subvencións, como finalmente ocorreu.

Foron catro anos excepcionais. O contacto continuo coa xente, facer nosos os seus problemas e buscar xuntos as solucións, identificar as necesidades do noso concello e elaborar as propostas que criamos (e cremos) que lle eran acaídas foron pílulas de ánimo para un camiño que non sempre é cómodo nin agradable de camiñar.

O Grupo Municipal do BNG foi coherente co prometido no programa electoral e coas necesidades da Pobra. Defendemos proxectos que farían unha Pobra mellor, propostas que en moitísimos casos contaron coa aprobación unánime da Corporación pero que non se levaron a cabo ben por desidia, ben por ser ideas do BNG.

E agora estamos aquí, mirando cara ao futuro, respirando no presente como dicía o Bibiano de Estamos chegando ao mar.

O presente é unha Pobra contraditoria en si mesma, con escaso tecido comercial pero un forte parque empresarial e porto comercial, que perde poboación ano tras ano. Unha vila carente de promoción inmobiliaria axustada aos soldos e traballos destes tempos, pero cun grande número de vivendas ociosas, desocupadas. Unha vila carente de infraestruturas esenciais e mantendo outras equívocas: unha casa da cultura que é un edificio de oficinas; un auditorio que é unha sala de conferencias, e un Teatro Cine que non é nin unha cousa nin outra.

Dende este presente e para encarar o futuro o BNG da Pobra quere establecer con toda a veciñanza o contrato que se concreta no noso programa.

Ofrecémosvos UNHA POBRA emprendedora

Creando solo empresarial e apoiando ao comercio local.

Aplicando políticas de estímulo fiscal e de incentivos financeiros para as familias e as empresas.

Promovendo plans de formación e de emprego, con especial atención ás mulleres e a mocidade.

Ofrecémosvos UNHA POBRA á medida das persoas

Regulando zonas peonís.

Implantando a accesibilidade total e zonas 30.

Mellorando a seguridade viaria en todo o concello, tamén no rural. Recuperando ou compartindo a titularidade de vías urbanas esenciais para un novo urbanismo, convertendo Díaz de Rábago e A rúa da Paz nun bulevar, lugar de encontro.

Ofrecémosvos UNHA POBRA limpa con máis e mellores servizos públicos

Poñendo en primeiro lugar o investimento en saneamento e auga potábel, a limpeza de rúas, estradas e camiños e o coidado e protección dos animais e dos espazos naturais e patrimoniais.

Ampliando a rede de contedores, particularmente papel, vidro e aceite usado.

Ofrecémosvos UNHA POBRA solidaria e participativa.

Aumentando os servizos sociais públicos de calidade que combatan as desigualdades, a pobreza e a exclusión social.

Creando vivendas de emerxencia social e o Centro de Información á Muller.

Aplicando o regulamento de participación cidadá e impulsando  o asociacionismo.

Mantendo un diálogo con todos os colectivos da vila para consensuar medidas e actividades.

 

Ofrecémosvos UNHA POBRA comprometida coa cultura e o deporte

Establecendo unha programación cultural anual, na que se priorice a participación dos artistas locais.

Potenciando as actividades e obradoiros culturais.

Deseñando un plan de Dinamización da Biblioteca Municipal.

Coidando as instalacións deportivas e optimizando o seu uso para todas as as entidades e clubs do concello.

Promovendo a actividade deportiva e cultural nas parroquias.

Ofrecémosvos en fin unha Pobra viva, dinámica, que medra, segura de que o mañá será de seguro mellor que onte.

Para conseguilo temos o mellor grupo de persoas. Mulleres e homes comprometidos con esta vila, que preocupadas polo perda continua de músculo dan un paso avante para traballar por conseguir unha vida mellor, máis feliz, máis rica e potente, máis segura e solidaria.

Só faltas ti, pero estarás connosco no concello se o vindeiro domingo, se o 26 de maio, escolles a papeleta do BNG. Na confianza de que o teu voto, os votos que reciba o BNG só servirán para facer alcalde a Ramiro Ouviña, para facer un goberno do BNG.

A Pobra merece un bo goberno, un goberno do BNG. Anímovos a confiar na nosa candidatura. Anímovos a confiar en Ramiro Ouviña.

O 26 de maio votade BNG. Agora BNG. Agora A Pobra do Caramiñal

Hoxe coma onte. Catro anos sen froito.