No Entroido vale todo?

whatsapp-image-2018-02-12-at-14-12-13

O disfraz, transgresión ou expresión íntima?

No Entroido vale todo?

Vai frío, iso sabémolo ben. Por sorte estamos en pleno Entroido, festa na que o espantamos a base de caldo, cocido, fillós, orellas e demais, sempre acompañado dos mellores viños e licores do país. Entre iso, xogos populares e botarlle uns bailes á noite xa entramos en calor. E iso que, ás veces, os disfraces que usamos poden non axudar moito, pero se nos queremos lucir é o que hai. Disto último é do que quero falar hoxe, pois houbo certo rebumbio estes días, e non falto de razón.

Os disfraces pódense usar de moitos xeitos. Algunha xente opta por disfrazarse dunha personaxe famosa á que admiran, así puidéronse ver varias Frida Khalo e algún que outro Castelao nas nosas rúas, por poñer algún exemplo. Outra xente opta pola sátira, así un disfraz de moda pode ser do impopular Donald Trump, como tamén hai clásicos coma o disfraz de Hitler. Despois tamén hai unha ámplia gama de disfraces costumistas, de fantasía e por suposto os disfraces tradicionais dos diversos Entroidos que enriquecen culturalmente o noso país.

O conto é que, ao parecer, un par de rapaces duns quince anos, de Gondomar, foron “disfrazados de fachas” segundo palabras textuais dun deles, nun desfile do colexio. Para isto, portaban dúas bandeiras “rojigualdas” ás costas: unha co aguilucho (a bandeira propia do franquismo) e a outra, a oficial (ou do postfranquismo). Ante certa indignación social expresada no Twitter, alegaba un deses rapaces que era evidente que era de broma (a entender como sátira), que os que se podían ofender ao ver esta bandeira eran os vellos, e que estes se riron con eles. Ademáis, na súa defensa tamén dixo (entre expresións prepotentes e faltas de educación que poderiamos achacar á idade) que na súa familia houbo represaliados polo franquismo e que entende o que significan as cousas.

Seguramente a intención dos rapaces non fora ofender a ninguén nin tampouco expresar a súa propia ideoloxía, mais o certo é que de sátira ten pouco e resulta ofensivo porque hai unha ferida ben fonda aberta, e ata que a pechemos (cousa que resulta imposíbel neste réxime) exibir aguiluchos é de todo menos gracioso. Así como en Alemaña sería impensábel facer o saúdo fascista ou portar simboloxía nazi, aquí debéramos ter o mesmo respecto. Entón non poderíamos satirizar con estas cuestións? Poderíamos, mais hai que saber ben como se fai, e que isto sexa facilmente interpretábel por todo o mundo. Foi un erro por parte destes rapaces, anque non o recoñezan por mor da súa prepotencia adolescente. De feito, e isto queda tamén como anécdota, o rapaz que se manifestou sobre a cuestión dixo que as bandeiras as mercou por Amazon. Nesa páxina pode mercar e vender calquera, e polo tanto con isto puido estar financiando a un colectivo fascista, e isto sen realmente apoiar tan aberrantes ideas… Case nada! O que tamén me chama bastante á atención é que esa bandeira (xunto a oficial, o cal lígaas tamén entre si) pasaran o filtro do profesorado.

Mais estes rapazolos non foron tampouco os que máis están chamando á atención neste Entroido, hai outra entroidada peor se cabe, desta vez protagonizada por uns rapaces máis medradiños. Uns mozos da Coruña, universitarios (e por tanto maiores de idade), dediciron disfrazarse dun ser mítico ao que apelan os machistas máis rancios para tratar de tolas ás mulleres feministas que loitan pola fin deste sistema patriarcal. Si, efectivamente estamos a falar das “feminazis”, esas tolas que queren dominar aos homes e que viven no imaxinario colectivo dos máis machistas. Mezclando unha estética “pin-up” coa estética dos soldados do exército nazi e uns cartaces con consignas como… (en fin, mellor que o vexades vós mesmas na imaxe) saíron á rúa e subiron fotos ás redes co disfrace gañador do premio ao máis rancio e noxento. É evidente que, a diferencia dos anteriores, estes si querían ofender a alguén.

WhatsApp Image 2018-02-12 at 12.45.45Un deles tamén se manifestou por privado a unha rapaza que facía escarnio público destes no twitter (e non é pra menos). Esta colgou unha captura de pantalla da súa resposta, na que dicía o rapaz que non entende por que se daba por aludida se ela cre na igualdade de xénero, que eles ían disfrazados de radicais, “que es la gracia”. Radicais como imaxe de xente tola que o que busca é facer mal, no canto da xente que vai á raíz do problema, que precisamente é o sistema patriarcal que dá cabida a machistadas coma as destes rapaces e cousas moito peores. Estes rapaces o que entenden por feminismo é quen acepta o sistema e pensa que a cuestión xa está superada, feminismo como moda das camisetas de Inditex, que non é máis que a capitalización dunha loita e o desmantelamento desta. Calquera outra concepción das feministas, desas mulleres que non calan e sinalan co dedo as actitudes que todos os homes temos que mudar, son as “feminazis” que satirizan.

Como podedes ver nestes dous exemplos que marcarán o Entroido deste ano, os disfraces e o “humor” que podes facer con eles non están exentos de transmitir todo tipo de mensaxes inadecuadas. Deste xeito, tamén hai típicos disfraces ofensivos que se repiten todos os anos. Como poden ser homes disfrazados de mulleres que se convirten no pesadelo de mulleres trans que ven que a súa identidade se converte nun disfrace co que burlarse, como tamén se usa como burla mesma ao conxunto das mulleres vía tópicos que deberan estar xa superado. Ou disfraces étnicos nos que se practica o que é coñecido como “blackface” ou apropiacións culturais, mesmo baseadas en tópicos ignorantes, usadas para botar unhas gargalladas que é moi posíbel que non comparta todo o mundo.

Recordemos que o Entroido é pra pasalo ben, e pra isto temos que pensar ben o que facemos e respectar aos demais. Espero que desfrutedes do que queda de festa e que non se volvan repetir este tipo de cousas de mal gusto, polo menos no que queda desta bonita festa tan nosa, xa non pido máis.

Advertisements

No Entroido vale todo?