Unha Pobra do Caramiñal solidaria

61009914_2059009994401424_2505700108218138624_n

Exposición de Laura Novelle López, número 3 da candidatura municipal do BNG da Pobra.

Acro público no Teatro Cine Elma

Unha Pobra do Caramiñal solidaria

Boa tarde a todos.

Grazas a todos por acompañarnos neste acto hoxe. Grazas tamén ao compañeiro Néstor Rego por desprazarse ata aquí para compartir este tempo con nós. E tamén, como non, grazas a todos os compañeiros e compañeiras que conforman a candidatura municipal do BNG e que pensaron en min para dirixirme hoxe a vós neste acto central da campaña das eleccións municipais 2019.

Moitos de vós xa me coñecedes. Sabedes que non nacín na Pobra, pero que me sinto pobrense de corazón desde hai anos, aínda que sexa de interior. Sabedes que estudei Historia, que fun docente e que agora dedícome a escribir e a loitar pola accesibilidade e a integración social dos colectivos máis febles.

  Vir a vivir a aquí foi para min unha decisión persoal libre. Algo que non poden facer moitas persoas, e especialmente se teñen discapacidade. Eu sei que son unha privilexiada nese sentido. Por iso sentín moi axiña que debía devolver parte do que a sociedade tiña feito por min a través dos servizos públicos.

Por iso, dixen si á proposta que me fixo Ramiro de tomar parte na candidatura do BNG un día terriblemente chuvioso. O BNG é o proxecto no que creo, o partido que se preocupa por min como galega, como muller e como membro dun colectivo vulnerable. O BNG defende os principios nos que creo: traballo, honestidade, igualdade e apoio mutuo.

O pasado mes de abril cumpríronse doce anos da primeira visita que fixen á Pobra do Caramiñal, un pobo extraordinario no que eu nunca antes estivera. Foi unha Semana Santa que aínda lembro hoxe, tanto polos fermosos lugares que visitei, como sobre todo, polas experiencias que vivín.

Crédeme se vos digo que o que máis me gustou da Pobra non foron as praias, nin a gastronomía, nin os locais de moda (aínda que de todo iso gocei, moi ben acompañada por certo). O que máis me gustou da Pobra, o que deixou unha fonda pegada no meu ser como unha diminuta semente que ía medrando un pouquiño máis con cada visita, foron as persoas.      

Aquí teño amizades e compañeiros extraordinarios. Por todos eles estou aquí hoxe, e non no sentido literal. Eles foron e son o apoio, a áncora que me fixo decatarame de que este e non outro era o meu porto de chegada. O lugar onde construír o meu fogar, que é moito máis ca unha casa.

Por iso, se o 26 de maio confiades no noso proxecto para darlle novos azos a este marabilloso pobo que me acolleu cos brazos abertos, traballaremos nunha Pobra á medida das persoas:

ACCESIBILIDADE

  • A accesibilidade é moito máis que facer 3 ramplas nas beirarrúas do centro. A accesibilidade que defende o BNG é cambiar o foco desde os minusválidos ás Persoas con Mobilidade Reducida Desenvolveremos un Plan de zonas 30 e plataforma única que garanta a mobilidade e accesibilidade a todos os edificios, instalacións, vías públicas e praias.

POLÍTICAS SOCIAIS: SEN DEIXAR A NINGUÉN ATRÁS

  • Crearemos vivendas para situacións de emerxencia social, tanto na bolsa de alugueiro como no plan de rehabilitación de vivendas que propoñemos no noso programa.
  • Ampliaremos e melloraremos o servizo de axuda no fogar.

CULTURA E CONCILIACIÓN

  • Construiremos a escola infantil pública aprobada por unanimidade no 2015.
  • Promoveremos o servizo dun comedor nos centros de ensino durante todo o ano.
  • Melloraremos as instalacións e os servizos da Biblioteca Municipal, adaptando os seus horarios ás necesidades das persoas usuarias a través dun Plan de Dinamización

En definitiva, eu creo no proxecto do BNG para conseguir espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros, con usos plurais, en definitiva, centros de socialización e convivencia. Porque construír espazos accesíbeis é moitos máis ca desfacer un chanzo, ou rebaixar unha beirarrúa. Iso dáse por suposto (e iso que na Pobra o centro da vila non foi accesíbel ata hai 4 días, coma quen di). A accesibilidade é pensar en todos, independentemente da idade, do grao de mobilidade física ou das limitacións que teña. É facer da Pobra un lugar seguro, aberto, capaz de responder ás necesidades das persoas e das familias, amigable e que faga a vida máis sinxela ás persoas con mobilidade reducida (maiores, discapacitados, mulleres xestantes, etc.)

Os concellos son a administración máis próxima á cidadanía. Por iso, eu afronto este reto con ilusión e moita ledicia, amigos e amigas. Porque sei que os proxectos sólidos se constrúen desde abaixo. Porque sei que desde o concello podemos cambiar moitas cousas.  Porque o do BNG é un proxecto nacional e nacionalista, que parte de que tamén se pode e se debe construír unha nova Galiza desde os concellos (aí temos os exemplos reais de Pontevedra, Allariz ou o mesmo Rianxo, aquí ao lado, por citar algúns). Unha Galiza de cidades, rural e vilas con servizos de calidade; con tecido económico vivo e emprego; con calidade de vida e con capacidade para decidir o seu presente e o seu futuro en aras do benestar do noso pobo.

Sei que decidir o voto non é sinxelo. Pero, se este 26 de maio apostades polo proxecto do BNG, asegúrovos que non vos ides arrepentir. Porque a Pobra merece moito máis e nós imos a traballar arreo desde o 27 de maio para proporcionárvolo. A Pobra que eu quero é unha Pobra cun alcalde do BNG, Avante! 

©Laura Novelle

Unha Pobra do Caramiñal solidaria