O BNG-AA RECLAMA DO GOBERNO MUNICIPAL O CUMPRIMENTO E DESENVOLVEMENTO DO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ.
O goberno de NP acumula xa máis de dous meses de retraso no desenvolvemento do RPC
O Regulamento de Participación Cidadá do concello da Pobra do Caramiñal sempre tivo en contra as reticencias de NP. Dun xeito ou doutro, o goberno municipal retrasou canto puido a súa redacción e aprobación definitiva. A proposta presentada polo BNG ao Pleno de setembro de 2016, foi aprobada con escasas modificacións no pleno do 23 de febreiro do 2017 e entrou en vigor o 4 de marzo deste mesmo ano, unha vez publicado no BOP.
O Regulamento ten que ser a ferramenta definitiva que cambie a mellor as relacións entre o goberno municipal e a cidadanía, proporcionando os canles necesarios para a participación directa da veciñanza nos asuntos municipais.
Lamentablemente o comportamento do goberno de NP, que non atende as preguntas e solicitudes que lle son dirixidas, tampouco desenvolve o Regulamento de Participación Cidadá, que na súa Disposición Transitoria primeira di, literalmente: Aprobado este Regulamento de Participación Cidadá, no prazo de seis meses deberanse constituír o Rexistro de Asociacións Municipais, o Consello de Participación Veciñal e os Consellos sectoriais ou de áreas, pois pasados oito meses aínda non se conformaron os Consellos Sectoriais nin o Consello Veciñal, auténticos órganos de participación dos veciños e veciñas da Pobra, que tiñan que estar en marcha dende o pasado setembro, e cuxa tramitación non é cousa dun puro trámite administrativo, pois teñen que ser propostos e aprobados en pleno.
Por tales feitos, o grupo municipal do BNG-AA vén de presentar unha pregunta ao goberno municipal ao respecto de cando pensa cumprir coas súas obrigas de desenvolver o Regulamento de Participación Veciñal.