POLA RECUPERACIÓN DOS DEREITOS XA
A CIG convoca unha xornada nacional de mobilizacións en todas as comarcas para o 19 de xuño
O BNG da Pobra do Caramiñal ven de solicitar que o Goberno Municipal manifeste o seu apoio a estas reivindicacións e que anime á veciñanza do noso concello a participar na concentración que terá lugar o 19 de Xuño de 2018 ás 20:00 no Cantón da Leña do noso concello.
A CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (C.I.G.) ten convocadas mobilizacións para o próximo 19 de xuño, baixo o lema “Sumando Loitas- Sobran razóns”. Pola Recuperación dos nosos Direitos. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas.
As decisións políticas adoptadas desde o inicio da crise económica téñense demostrado un auténtico roubo e saqueo á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego. A recuperación económica da que se fai propaganda a diario só existe para as persoas.
Medra o paro e baixa a poboación activa. A taxa de paro é do 15,08%, maior que no ano 2009. Ter un traballo non permite vivir en condicións dignas pois a reforma laboral impón pobreza laboral, non hai creación de emprego, hai precariedade, contratos de traballo en condicións escravizantes, a tempo parcial, e salarios miserentos que nin tan sequera chegan ao salario mínimo interprofesional.
Cada día son máis as persoas no desemprego que non perciben ningún tipo de ingresos. Non para a emigración de xente nova, deixando sen futuro á sociedade galega.
As pensións non garanten poder adquisitivo. As reformas do sistema público de pensións, do 2011 e 2013, fan que na Galiza teñamos as pensións máis baixas do Estado español.
Medran os sectores sociais abandonados polas Administracións ante os recortes sociais e privatizacións dos servizos públicos, do ensino, sanidade, servizos socias, etc…
Criminalizan, reprimen, encadean a quen se mobiliza, quen exerce a liberdade de expresión, quen defende os dereitos da clase traballadora e quen loita polos dereitos das nacións que integramos o Estado español.
O Goberno de Feijóo non toma iniciativas ante esta grave situación, sométese a estas políticas decididas en Madrid e Bruxelas, actuando só en favor dos Fondos de Investimento, que acumulan máis riqueza en menos mans, lonxe de Galiza.
Non se pode agardar máis. Está en xogo evitar que as novas xeracións vivan en peores condicións que as anteriores. Estas mobilizacións son a resposta necesaria da clase traballadora PARA demostrarlle ao poder económico e político a nosa disposición de loitar pola recuperación dos nosos dereitos e por un futuro digno, para esixir a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva.
PARA conseguir avances reais para as mulleres. A Folga do 8 Marzo debe traducirse no remate da fenda salarial, da temporalidade, do acoso sexual e laboral, das discriminacións por maternidade… A sentenza da Audiencia de Navarra confirma que a violencia patriarcal está instalada en todos os aparatos do Estado.
PARA defender as pensións públicas. O novo goberno do Estado non pode desoír o clamor social de pensións dignas. É a mellor defensa ante a posíbel reforma do Pacto de Toledo. As medidas anunciadas nos Orzamentos son un engano pois se non se derrogan as reformas de 2011 e 2013,o roubo ás pensións seguirá.
CONTRA os abusos da patronal que, reforzada con estas políticas antiobreiras e paralizada a negociación colectiva, ataca as nosas condicións laborais e salariais e impón convenios estatais que non satisfán as nosas reivindicacións de emprego e salarios dignos.
PARA rematar coas duras políticas instauradas polo PP contra as persoas desempregadas.
PARA acabar cos recortes sociais e a privatización de servizos públicos, lograr a derrogación da LOMCE e da Lei de Saúde da Xunta de Feijóo. Para que o Ensino e a Sanidade sigan sendo galegas, públicas, universais, gratuítas e de calidade.
PARA impedir o retroceso nas liberdades democráticas e nos dereitos fundamentais, da Lei Mordaza e da última reforma do Código Penal.
POLA rexeneración democrática fronte á corrupción, ante a crise política e institucional do réxime imposto coa Constitución do 78, que pretenden perpetuar a toda costa.
POR solidariedade e unidade da clase traballadora. Cómpre rachar a dupla realidade dentro da clase traballadora, de explotadas e sobre-explotadas. A precariedade e a pobreza laboral pódense facer imparábeis.
PARA conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na Nosa Terra. Para que a riqueza dos nosos recursos se utilicen para industrializar, criar postos de traballo dignos e mellores servizos públicos. Para que a nosa emigración poida retornar.