Axudas (?) á escolarización

Ramiro Ouviña Ouviña, concelleiro e portavoz  do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego-AA neste concello rexistrou unha pregunta a respecto do retraso na convocatoria de axudas á escolarización por parte do goberno de Nós Pobra, de xeito que a inoperancia do goberno municipal xa impediu que as axudas cheguen ás familias cando as precisan, nos primeiros días de setembro. 

Axudas (?) á escolarización

O Pleno do 25 de maio de 2017 aprobou por unanimidade a modificación das bases reguladoras de axudas para a escolarización destinadas a familias con problemática socioeconómica, proposta polo goberno municipal. A aprobación definitiva de ditas bases ten data 27 de setembro de 2017 e publicouse no BOP do 3 de outubro do mesmo ano.

Segundo a propia Ordenanza, o prazo para a presentación das solicitudes fixaríase nas correspondentes convocatorias, non podendo ser inferior a 15 días naturais a partir do seguinte ao da súa publicación.

O 28 de agosto deste ano o alcalde emite unha resolución convocando as axudas e marcando como data límite o 10 de setembro (incumprindo o prazo de quince días).

A pesares de que a Ordenanza indica que o procedemento de concesión comeza coa aprobación e publicación da convocatoria das axudas, que se publicarán no diario oficial da provincia (BOP), non é ata o 5 de setembro que o alcalde envía a convocatoria para a súa publicación no BOP, que se produce o 10 de setembro, o mesmo día no que finalizaba o prazo de presentación.

Enfrontado coa realidade o alcalde tivo que asinar o 11 de setembro (publicado de urxencia no BOP do día 12) unha ampliación do prazo ata o 19 de setembro.

A demora no inicio do procedemento ten como consecuencia que as familias necesitadas das axudas non van contar con elas xusto cando as precisan, nos primeiros días do  mes de setembro, cando teñen que sufrir gastos considerábeis en material escolar, libros e roupa.

Empeza xa que logo a tramitación destas axudas con retraso e quen sabe cando se resolverán e pagarán.

Por todo o exposto, este concelleiro, en representación do G.M. do Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas, presenta as seguintes preguntas para a súa contestación escrita urxente.

PREGUNTAS.

1. Por que se agardou ata os derradeiros días do mes de agosto para convocar unhas axudas que se deberan entregar en setembro?

2. Por que se fixou un prazo de trece días para a presentación das solicitudes vulnerando o punto 5.3 da Ordenanza que especifica “... non poderá ser inferior a 15 días naturais a partir do seguinte ao da súa publicación.”?

3. Por que non se fixou no taboleiro do concello ningunha das dúas convocatorias, segundo o recolle o punto 3.1 da Ordenanza?

4. Por que se puxeron por diante as datas de publicación no BOP para o comezo do proceso cando a Ordenanza, no xa citado punto 3.1 Procedemento de concesión, establece que “...; no entanto, será suficiente a súa publicación no taboleiro de anuncios naqueles casos en que os eventuais beneficiarios haxan de ser unicamente veciños do municipio”, como é o noso caso, posto que o punto 2.- Beneficiarios sinala que “Poderán ser beneficiarios destas axudas todas as persoas empadroadas no concello da Pobra do Caramiñal”.

5. Por que non se comezou a convocatoria co tempo necesario para tela resolta antes do inicio do curso?

Axudas (?) á escolarización