O BNG da Pobra propón ao colectivo Xubilados Pobra do Caramiñal como pregoeiro das festas do Nazareno 2019

50247434_284658459074181_2182104554739335168_n
O BNG rexistrou e defenderá no Pleno de xullo unha moción propoñendo ao colectivo Xubilados Pobra do Caramiñal como pregoeiros das festas do Nazareno 2019
O BNG da Pobra propón ao colectivo Xubilados Pobra do Caramiñal como pregoeiro das festas do Nazareno 2019

En tempos pasados o pregoeiro era un funcionario público que se encargaba de transmitir oralmente noticias e resolucións aos veciños e veciñas, mais na actualidade o pregoeiro vén sendo alguén que se supón cos méritos suficientes para, dirixíndose á comunidade, facela partícipe de tempos de ledicia e festa por vir.

Establecer as condicións ou características de quen pode ou debe ser pregoeiro, ou pregoeira, exceden absolutamente os límites dunha moción, pero sinto que é obrigado dicir que este grupo municipal e este concelleiro comparten algunhas que consideran imprescindíbeis, como son o compromiso, o activismo, a loita por mellorar a cada un e ao mesmo tempo a todos.

Dende febreiro de 2018 as rúas da Pobra do Caramiñal son escenario dunha manifestación que sábado tras sábado reclama, penso eu, non só unhas pensións dignas mais tamén o respecto e a dignidade debida ao colectivo de xubilados e pensionistas. Mulleres e homes en pé manteñen activa a loita de David contra Goliath, conscientes da necesidade de perseverar para vencer, para vivir satisfeitos consigo mesmos.

Como recoñecemento da importancia social de iniciativas como a referida, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal da Pobra do Caramiñal a adopción do seguinte acordo:

Nomear ao colectivo agrupado baixo o nome Xubilados Pobra do Caramiñal como pregoeiros das vindeiras festas do Nazareno.

O BNG da Pobra propón ao colectivo Xubilados Pobra do Caramiñal como pregoeiro das festas do Nazareno 2019