Discurso de Mini na celebración do Día de Galiza Mártir na Pobra do Caramiñal

79c80088-be33-416f-9bd5-5ae49845af53

Esta celebración terá que ser un acto de liberdade e de afirmación de que temos milleiros de bos e xenerosos de distintas tendencias políticas en foxas comúns, nas cunetas, nos exteriores dos cemiterios, fondeados no mar.

Discurso de Mini na celebración do Día de Galiza Mártir na Pobra do Caramiñal

Ninguén lles dixo nada

e morreron así, abafados no silencio.

 

Ninguén nos dixera nada

e vivimos así coutados no silencio.

E case sós, nus,

un día descubrimos

que o silencio ten fendas

por onde sae luz,

fíos de luz.

Unha maraña de fíos,

cal lucecús estreitiños.

E a verdade asoma

chea de sombras,

crúa,

dura,

difícil de aceptar

polo tempo perdido.

 

Pero eles partiron,

mudos dos afectos necesarios

pra mitiga-los sufrimentos

das súas vidas.

E nós quedamos cos corazóns sobardando

os aloumiños que non soubemos dar.

 

Aí dos silencios que tapan sangue,

ai desas dores que van no ollar.

Ai da semente, dos cuneteados,

ai da mudez, do noso cantar.

 

                Normalmente todos e todas nós somos froito de varios relatos. O primeiro que nos marca a lume é o familiar. Aí aprendemos quen somos e de quen vimos, as nosas ligazóns familiares e de amizade-enemizade, os sucesos que teñen a er coa familia e os próximos, veciños.

                Estes veciños modélannos e complementan o relato familiar con outros que teñen a ver co clan, coa tribo próxima. É un mundo non tan amable pero coa cercanía dos afectos-desafectos. Aí aparece a orde social na que te encontras...

                Logo vén a escola e os estudos, se tes a sorte de acceder a eles. Aí aparece a teoría  elaborada pola sociedade xeral. Por veces choca co que recibes nos outros niveis. Cantas veces o que che ensinan na escola e nos estudos é posto en cuestión co que a veciñanza e a familia opinan.

                Van aló 82 anos. Xa non queda ninguén que vivise aqueles feitos, aquela traxedia. E sen embargo segue afectándonos o silencio. Seguimos empeñados en rompe-lo silencio.

                Porque a nosa historia é Silencio. Porque o noso pasado é Silencio. Os relatos recibidos en tódolos estamentos de que vos falaba teñen un fallo, algo que non se comenta. SILENCIO

O realmente importante a respecto do pasado non é o que os historiadores recuperan e reconstrúen en base a documentos,  gravacións, restos... O importante do sucedido na  historia  é o que se transmite de pais a fillos e socialmente. E, claro está, o que se deixa transmitir.

Neste caso somos conscientes todos nós que nos roubaron a historia. As consecuencias daqueles sucesos que nos traen hoxe aquí fixeron que a memoria, a verdade do acontecido fose enterrada no máis fondo de cada un dos que quedaron como exercicio de supervivencia. Só temos o relato histórico e parcial, silenciado e posto en cuestión por unha sociedade que continúa traumada polos feitos acontecidos.

                Porque a barbarie existiu. Eran xente de orde, de misa dominical, de moral intachable... De boas familias, a clase social dos posibles... Non é fácil prás novas xeracións comprender aquilo.

                A monarquía estaba podre... xa daquela... e en abril do 31 proclamouse a II República española. O sentimento republicano aniñara nas xentes do común. Fora un sentimento traído por emigrantes. De Cuba, Uruguai, Arxentina... viran outras formas de goberno, outras sociedades...onde a igrexa non tiña á xente encadeada e onde a orde social era outra.

                E soñaron: instrución pública, reforma agraria, voto feminino, dereitos laborais, recoñecemento das nacións históricas... 

                E durou 5 anos. Aguantou os embates dos que non querían mudar nada. E en xullo do 36...viñeron os de sempre redimirnos do pecado da liberdade e da esperanza.

 Lémbrame esta palabra, redimirnos, un discurso dado en Asturias polo xeneral Yagüe, de camisa azul en outubro do 37:

                Y al que resista, ya sabéis lo que tenéis que hacer: a la cárcel o al paredón, lo mismo da.  Nosotros nos hemos propuesto redimiros y os redimiremos, queráis o no queráis. Necesitaros no os necesitamos para nada; elecciones, no volverá a haber jamás,   ¿para qué queremos vuestros votos?

                Primero vamos a redimir los del otro lado; vamos a imponerles nuestra civilización, ya que no quieren por las buenas, por las malas, venciéndoles de la misma manera que vencimos a los moros, cuando se resistían a aceptar nuestras carreteras, nuestros médicos y nuestras vacunas, nuestra civilización, en una palabra.

                Este valente xeneral foi responsable de milleiros de redencións, é dicir de vítimas, de asasinados sen xuízo, sen causa formal, vítimas da barbarie. A praza de touros de Badaxoz falan aínda hoxe da súa sanguiñenta existencia. Este era o sentir daqueles rebeldes con conciencia de clase, de clase dominante.

                E mataron, violaron, torturaron e someteron. E silenciaron.

                Só ás veces, na penumbra, na seguridade de non ser escoitado, na complicidade da confianza que se ten no que escoita, a xente fala...  O Medo estaba presente e ata certo punto permanece...

                Todo isto é o resultado dos corenta anos de represión oficial, de silencio obrigado e de dolor calada e disimulada. Pero é preciso sumarlle a todo isto outros corenta máis de democracia controlada, de liberdade provisional de expresión correcta.

                E milleiros e milleiros de asasinatos silenciados. Decenas de miles de torturas e abusos roídos cara dentro cos puños apertados e bágoas afogadas. Os vencidos non tiñan nin dereito a chorar.

                E nós sen saber nada. Nós dispostos a sermos libres sen coñecer o noso pasado. Con toda a falsa ilusión que nos transmitiron polos medios de comunicación. El ejemplo español, modelo de transición democrática. A dereita tiña moito que agachar, e a esquerda calou covardemente. E para nós a ignorancia, e pra eles, prós que sufriron o terror: o silencio e o esquecemento. Foron borrados da historia, nunca existiron, nunca naceron... ¡ nunca poderemos aprender dos seus desexos de liberdade e tampouco dos seus erros!  Sempre teremos na nosa formación un baleiro: silencio.

                É así coma na néboa comeza a xurdir aquilo de: ...pra que se meterían en política... ou ...algo farían...

                Porque os outros, os verdugos non se metían en política, eses amañaban os seus negocios. E fóronnos dicindo como habiamos vivir, a quen tiñamos que  respetar  e o que podiamos crer. Pero sobre todo deixáronnos ben craro o que nunca debiamos soñar.

                Hoxe o relato histórico agranda cousas pequenas e mingua as grandes cousas. Nunha palabra: Deforma e trastoca.

                Xúrovos que eu non vivín esa realidade. Porque cando morreu Franco, na cama... cando nos demos a democracia...mentira...

                Foron moitos deles, camisas viejas, quen de repente apareceron reconvertidos... agora temos liberdade, temos de ir votar pra elixir os nosos dirixentes... toma este é o sobre que tes que meter alí... ti xa sabes... E a xente do común, a que levaba e leva as marcas da explotación e da fame, da represión... esbozaba un sorriso e tomaba nota... ¿Así que agora a isto danlle unha capa de pintura e pasan chamarlle democracia?  Vaites..Vaites..!

                E así camiñamos pola vida durante moito tempo, sen soñar colectivamente, cunha parte de nós silenciada e recordando cada quen pra si, a  estes homes, ós verdugos, e ós , mellor dito, ás que quedaron en silencio permanente e en sufrimento continuo.

     Tardamos moito tempo en desenterra-lo acontecido que hoxe compartimos. Demasiado. O tempo foi desdebuxando os feitos, foinos comendo, foinolos borrando. Pero aínda así, co que sabemos, somos quen de xuntarnos tódolos anos e honralos a eles que morreron e a elas e os que quedaron, que seguiron padecendo. Porque este acto non é ningunha revancha nin nada que se lle pareza. Isto é unha comunión dispar na honra dos nosos que caeron, os outros, os verdugos non merecen memoria.

                Estamos aquí para lle mostrar  ó mundo que nos ve, ós que xa se foron e non nos viron e a eles que caeron inxustamente que estamos enchidos de orgullo por eles, que camiñamos coa cabeza alta, que en moitos dos nosos corazóns non aniña o rancor. Pero que non esquecemos.          Que o transmitiremos ós fillos dos nosos fillos pra que estean alerta,  pra que non permitan que se repita a historia,  pra que se manteñan sensibles á dolor dos demais, ó sufrimento da xente. Pra que soñen libremente e labren un futuro de convivencia e liberdade.

                Por eles  que soñaron con escolas pra todos, con salarios dignos, cunha sociedade sen explotados nin explotadores, co voto e igualdade da muller e o home...

                Estamos aquí pra afortalar a liberdade, pra recupera-lo relato completo, pra afirmar que non fomos nin somos un pobo manso. Afirmar que en Galicia a guerrilla, a resistencia antifranquista foi moi forte, a máis forte do estado español. Que aquí non houbo fronte de guerra pero houbo un xenocidio programado e levado a cabo coa maior eficiencia. E coas bendicións oportunas e o ceo gañado polos verdugos.

                Esta celebración terá que ser un acto de liberdade e de afirmación de que temos milleiros de bos e xenerosos de distintas tendencias políticas en foxas comúns, nas cunetas, nos exteriores dos cemiterios, fondeados no mar. Recuperemos os seus relatos poñendo en cuestión o relato facista. Non é vinganza. É Saúde social, necesaria, democrática, con futuro. Porque a chulería dos Franco está patente aí. A Fundación que louva ó asasino ten legalidade pra facer apoloxía do golpismo e do facismo. O Pazo de Meirás, teremos que disputalo nos tribunais...

                Non sei se atreverme... Moitos deles morreron cun soño na cabeza e un grito nos beizos. Por eles vouno dar eu tamén: Viva a República !

Mini, 16 de agosto de 2018

Discurso de Mini na celebración do Día de Galiza Mártir na Pobra do Caramiñal