MOCIÓN polo incumprimento do Regulamento de Participación Cidadá da Pobra do Caramiñal.

accionsocial
MOCIÓN polo incumprimento do Regulamento de Participación Cidadá da Pobra do Caramiñal.

O Regulamento de Participación Cidadá da Pobra do Caramiñal foi aprobado de maneira definitiva no Pleno Ordinario desta Corporación celebrado o 27 de febreiro de 2017 e entrou en vigor o 4 de marzo do mesmo ano, unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia.

Atrás quedaba a moción que este mesmo grupo someteu ao Pleno do mes de xullo do 2015, que, emendada polo goberno, foi aprobada cos únicos votos dos seus concelleiros, incluíndo o compromiso do goberno de presentar unha proposta antes de tres meses.

Diante da inoperancia do goberno, o BNG decidiu presentar ao Pleno de abril de 2016 unha nova moción, aprobada por unanimidade, que incorporaba unha proposta de Regulamento composto por Limiar; Marco legal, Disposicións Xerais; 9 capítulos, cun total de 41 artigos; 2 disposicións transitorias, 1 derrogatoria e 1 final.

A Disposición Transitoria Primeira di:

Aprobado este Regulamento de Participación Cidadá, no prazo de seis meses deberanse constituír o Rexistro de Asociacións Municipais, o Consello de Participación Veciñal e os Consellos sectoriais ou de áreas.

e a Disposición Transitoria Segunda establece:

Transcorrido un ano de aplicación do presente regulamento , elaborarase un balance de funcionamento, propoñéndose, se procede,  a modificación do mesmo, de forma que mellor se axuste á realidade e ás necesidades do municipio.

 Ningunha das accións incluídas en ambas as dúas Disposicións foron realizadas á data de presentación desta moción.

Polo exposto o grupo municipal do BNG propón a aprobación e realización dos seguintes acordos

 Reprobar a Concelleira de Participación Veciñal pola súa incapacidade de levar adiante o Regulamento de Participación Cidadá da Pobra do Caramiñal.

Instar ao goberno municipal a comezar de inmediato as accións necesarias para  cumprir co establecido no Regulamento, nomeadamente, pero non exclusivamente, a formación do Consello de Participación Veciñal e os Consellos sectoriais.

MOCIÓN polo incumprimento do Regulamento de Participación Cidadá da Pobra do Caramiñal.