MOCIÓN para o mantemento de pensións dignas para os galegos e galegas

descarga
MOCIÓN para o mantemento de pensións dignas para os galegos e galegas

As dúbidas que se están a xerar arredor da viabilidade do sistema público de pensións son interesadas para favorecer precisamente os plans privados e seguir no camiño de recorte das pensións públicas. No Bloque Nacionalista Galego, asistimos con preocupación ás novas propostas que está a facer o Goberno español, como a ampliación do cómputo de cálculo a toda a vida laboral, que afondan na mesma liña. Mais o traballo a realizar ten que ir xusto na dirección contraria, na de recuperar os dereitos eliminados nos últimos anos coa escusa da crise.

As reformas laborais promovidas durante os anos 2010, 2011 e 2012 por gobernos do PSOE e PP, con diferentes niveis no seu contido e importancia, afondaron na liña neoliberal de individualización e desrregulación das relacións laborais. Atrasouse a idade de xubilación aos 67 anos, a 25 o número de anos para calcular a base reguladora, adiantouse a aplicación do factor de sostibilidade ao 1 de xaneiro de 2019, atrasouse a idade de acceso á xubilación anticipada, dificultouse o acceso ao subsidio de desemprego establecendo límites económicos de miseria para ter dereito ao mesmo e atrasouse a idade de acceso dos 52 aos 55. En definitiva, medidas todas orientadas a dificultar o acceso e reducir a contía das prestacións do sistema público de protección social, ao tempo que se fomenta a súa privatización.

Estas medidas son especialmente tráxicas na Galiza,  coa maior porcentaxe de pensionistas respecto da súa poboación. No noso país, onde as pensións son o único ingreso de moitos fogares ou parte fundamental das economías familiares, temos as máis baixas do Estado español, co 60% das pensións galegas por baixo do salario mínimo e a media entre 15 e 20 puntos inferiores ás do Estado. Inxustizas ás que cómpre engadir o copago dos medicamentos, das residencias da terceira idade ou dos centros de día, a suba do IVE, da auga, da luz, dos carburantes ... Consecuencia de tales políticas, os e as pensionistas galegas vivimos un empobrecemento aínda maior, sendo especialmente preocupante a situación das mulleres, con 1 de cada 4  mulleres maiores de 65 anos por baixo do limiar da pobreza.

O debate sobre a sostibilidade do sistema de pensións públicas vén de lonxe, e as dúbidas que se están a xerar arredor da viabilidade do sistema público de pensións son interesadas. Os prognósticos sobre a súa creba e a promoción dos sistemas privados obedecen aos intereses por desfacer o estado do benestar e transferir ao sistema privado a xestión dun volume de capital formidábel derivado dos fondos de pensións públicos.

O sistema de pensións público é un dos obxectivos da axenda neoliberal desde hai décadas, nomeadamente do triplete formado polo Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a OCDE, que dende o comezo dos anos 90 veñen promovendo teorías que defenden fortes recortes nos sistemas públicos de pensións, acompañados da capitalización individual a través do sector privado. Estamos a falar dun calculado e continuado proceso de desmantelamento do dereito do traballo a prol da parte máis forte nas relacións laborais, a prol do capital. As razóns que presentan son que a esperanza de vida aumenta progresivamente ao mesmo tempo que hai menos cotizantes por causa da caída da poboación activa. A partir desta idea estenden a alarma social pregoando que a longo prazo non haberá diñeiro para pagar as pensións públicas.

O obxectivo é favorecer a privatización das pensións e permitir ao capital financeiro xestionar inxentes aforros a través dos fondos de pensións privados con destino aos mercados financeiros globais.

Estamos diante dunha decisión ideolóxica onde o poder ataca os dereitos dos sectores máis desfavorecidos, os que están a padecer con máis dureza a crise, para potenciar os plans de pensións privados e drenar aínda máis cartos dos impostos de tod@s para os bancos.

Por todo o anteriormente exposto,  sométese a consideración do Pleno da Corporación a adopción do seguinte

 

ACORDO

1. Instar á Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno español para que proceda a:

  1. Derrogación das reformas laborais, e en especial: Real Decreto Lei 10/2010, de 16 de junio, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, a Lei 35/2010, de 17 de setembro de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo, Real Decreto-Lei 20/2012 do 19 de xullo, Real Decreto-lei 3/2012 de 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, o Real Decreto-lei 5/2013 de 15 de marzo de “medidas para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo, o Real Decreto-lei 4/2013, de 22 de febreiro, de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego. Así como de todas a demais normativas que as desenvolven.
  2. Á aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos como consecuencia das sucesivas contrarreformas laborais e que favoreza dereitos e regulacións novas que melloren as  condicións de vida e de traballo e fortalezan á clase traballadora diante do capital, para promover a creación de emprego de calidade como mellor vía para garantir ingresos que permitan o pago das pensións.
    1. Recoñecendo o dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos.
    2. Estabelecer o cálculo da base reguladora polas bases de cotización dun período de quince anos da súa vida laboral a elixir pola traballadora ou traballador.
    3. Estabelecer o importe da pensión mínima no equivalente ao  60% do salario medio.
    4. Estabelecer a actualización anual en base ao IPC.
    5. Eliminar as penalizacións e discriminacións no acceso á pensión das persoas empregadas a tempo parcial.
    6. Reclamar para Galiza a xestión da Seguridade Social, como xa contempla o Estatuto de autonomía.
    7. Demandar que as empresas con centro de traballo en Galiza paguen os impostos e as cotización sociais aquí.

2. Instar á Xunta de Galiza  a incrementar a contía do “Fondo extraordinario, perceptores subsidios e pensións non contributivas”, de xeito que cada persoa prestataria de pensión non contributiva perciba un incremento de 100 euros mensuais na mesma.

 

MOCIÓN para o mantemento de pensións dignas para os galegos e galegas