Moción relativa ás actuacións desde o eido local a prol da igualdade entre homes e mulleres.

Moción relativa ás actuacións desde o eido local a prol da igualdade entre homes e mulleres.

Nos últimos anos estamos asistindo a un rexurdir, moi necesario, dos movementos feministas, que defenden e loitan pola igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida co obxectivo de alcanzar unha sociedade máis xusta que beneficie a todas as persoas-

Desde o BNG, que sempre participou nesa conquista, aportamos o noso grao de area ás arelas feministas tanto desde as institucións, esixindo melloras lexislativas e sociais, como a pé de rúa, participando das mobilizacións promovidas polo feminismo galego.

A pé de rúa seguirá o BNG este próximo marzo, participando e apoiando as mobilizacións que se convocan, a manifestación do 3 de marzo en Lugo baixo o lema "Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista", e a folga do 8 de marzo.

Polo que se refire á actividade institucional no noso concello, no presente mandato levamos presentado oito mocións, relativas unhas á erradicación da violencia de xénero, outras pola igualdade social e laboral entre homes e mulleres. Todas elas agás unha foron aprobadas por unanimidade.

Entre os acordos que figuraban en ditas mocións que contaron coa unanimidade da corporación, ademais daqueles que instaban ao Parlamento de Galicia a lexislar e á Xunta de Galicia a desenvolver políticas a prol da igualdade, contemplábanse medidas importantes a desenvolver polo goberno local. Destacaremos a creación dun Centro de Información á Muller, a elaboración dun estudo de necesidades e un posterior protocolo de actuación municipal para o acompañamento e protección das mulleres vítimas de violencia de xénero ou o desenvolvemento de plans de emprego destinados ás mulleres e á erradicación do acoso laboral-

Ningunha destas accións se levou a cabo.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG propón á Corporación a adopción dos seguintes acordos:

  1. Censurar que o goberno municipal non levase a cabo ningunha das propostas acordadas por unanimidade.
  2. Esixir a posta en marcha das citadas iniciativas aprobadas por unanimidade.
  3. Apoiar publicamente e difundir as mobilizacións programadas polo movemento feminista, tanto a manifestación que se celebrará o día 3 de marzo en Lugo, como a folga convocada para o día 8.
Moción relativa ás actuacións desde o eido local a prol da igualdade entre homes e mulleres.