MOCIÓN relativa ao arranxo de beirarrúas e melloras na accesibilidade e seguridade viaria.
Unha boa parte das beirarrúas do concello, alá onde as hai, presentan un deterioro considerábel. En moitos casos as baldosas están rotas e/ou despegadas e abanean ao pisar, provocando salpicaduras cando chove, no mellor dos casos, podendo provocar accidentes nos viandantes no peor. Esta situación é especialmente apreciábel en rúas como as do Lagar, Atalaia, paseo dos Areos, Gasset, e outras.
Por outra parte, en moitos lugares, incluso do casco urbano, as beirarrúas están inzadas de herba, ás veces proveniente de fincas sen limpar, pero tamén as herbas proliferan a rentes da calzada. E nos sitios en que non hai beirarrúa aínda resulta peor e mais perigoso, como nalgún tramo da rúa Rafael Dieste e fóra do núcleo urbano.
Tamén son abundantes os casos en que a accesibilidade é nula. A pesar de que no centro se modificaron algúns accesos a pasos de peóns para mellorar dita accesibilidade, son numerosos os problemas para transitar os peóns en moitas zonas, tanto urbanas como rurais, creándose demasiadas situacións de perigo por ter que invadir a calzada, ben pola presenza de obstáculos como postes ou escalóns, ben por ser excesivamente estreitas.
A isto hai que engadir nalgúns lugares a falta de pasos de peóns, a escasa iluminación e/ou a falta de sinalización dos mesmos.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG propón á Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:
- O Goberno Municipal acometerá a reparación e limpeza urxente das beirarrúas deterioradas.
- O Goberno Municipal promoverá a eliminación de obstáculos e estenderá a accesibilidade a todas as beirarrúas do concello, comezando polas que implican máis perigo, como é o caso da rúa San Roque.
- O goberno pintará, sinalizará e iluminará convenientemente os pasos de peóns existentes e procurará o incremento dos mesmos.