Moción relativa ao coidado do medio ambiente
Xosé Manuel Casal Sabín, concelleiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas na Pobra do Caramiñal presentou para a súa inclusión e debate no Pleno Ordinario de marzo unha moción relativa ao coidado do medio ambiente.
O BNG ten como un dos seus eixos de actuación política a preocupación medioambiental, a defensa e conservación do noso patrimonio natural e o desenvolvemento de políticas que modifiquen o actual modelo de desenvolvemento predador de recursos e insostíbel ecoloxicamente.
Nese ámbito foron moitas as iniciativas presentadas polo BNG no actual mandato municipal pero que cando xa se acerca o seu fin, temos que facer un balance ben pobre no que ten a ver coa concreción práctica e o desenvolvemento desas iniciativas.
Podemos lembrar as propostas relativas a posta en marcha de campañas de sensibilización e información en diversos campos. O compromiso asinado polo goberno municipal de traballar no freo a expansión de plantas exóticas invasoras, do que pouco se ten avanzado máis alá dunha breve e insuficiente acción informativa. A actuación no mantemento e conservación de espazos naturais do noso concello que segue sendo insuficiente, como o caso concreto do espazo fluvial ao carón de Bandaseca e moitos outros.
Máis son dúas as actuacións relevantes e ás que o BNG prestou especial atención e sobre as que presentou diversas iniciativas, máis nas que se segue sen actuar coa contundencia e decisión que precisan. Unha delas é a que ten a ver co sistema de recollida de residuos e os outros servizos prestados pola empresa concesionaria. A maiores das iniciativas presentadas para mellorar o servizo, o que é fundamental é que este se desenvolva cumprindo o contrato asinado, e como o BNG xa puxo de relevo no mandato, non se está a facer. É obriga do goberno municipal esixir o seu cumprimento nos termos asinados e que a atención aos veciños e as veciñas sexa a adecuada.
A outra cuestión relevante e sobre a que o BNG ten insistido en numerosas ocasións neste mandato é a que ten a ver coa conservación e protección do espazo natural da Corna. Non imos insistir nas propostas feitas polo BNG, xa por todos e todas coñecidas, si non no feito de que máis alá das manifestacións feitas polo goberno municipal, a día de hoxe a súa situación non mudou nada a respecto de como se atopaba ao inicio do actual mandato.
En base ao exposto, solicítase ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes acordos:
Denunciar a actuación do goberno municipal no eido da protección e conservación medioambiental do noso concello.
Esixir do goberno a realización de todas as actuación aprobadas no pleno da corporación relativas á protección e coidado do medio ambiente.
Demandar ao goberno municipal que esixa á empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos o cumprimento do contrato asinado co concello e de non ser atendida a esixencia, iniciar o expediente correspondente dentro do marco legal que recolle o propio contrato asinado polas partes.
Esixir ao goberno municipal o desenvolvemento das accións necesarias para a conservación e protección do espazo natural da praia da Corna na liña das xa aprobadas no pleno da corporación.