O BNG esixe máis unha vez a derrogación da LOMCE e a adopción de medidas que garantan a igualdade de oportunidades.

O BNG esixe máis unha vez a derrogación da LOMCE e a adopción de medidas que garantan a igualdade de oportunidades.

A LOMCE é unha lei fondamente centralizadora, clasista e sexista, favorece a mercantilización da educación e afonda nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático. Ademais, a LOMCE representa un ataque frontal ás competencias das comunidades autónomas e supón unha involución inadmisíbel ao negar a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado español e vetar o dereito de ofrecer o seu propio modelo lingüístico.

A estes datos súmanse os nefastos efectos da LOMCE en termos de desgaleguización, de deterioro dos dereitos de profesorado e alumnado, a tendencia cara un ensino elitista e clasista que perde o seu carácter laico e a perda de peso do galego na educación pública, tamén da man do “decreto do plurilingüismo” aprobado polo PP que impide usar o idioma propio no ensino de materias como matemáticas, física ou química.

A política educativa exercida polos gobernos central e autonómico promove o desvío de fondos que deberían ser destinados á mellora da educación pública a colexios privados concertados, moitos deles confesionais e que segregan ao alumnado por “sexos”.

Nestes días estamos vendo noticias alarmantes sobre o resultado práctico destas políticas: colexios que prohiben o uso de pantalón no uniforme das nenas, sentenzas que avalan a presenza da materia de Relixión católica no currículo do bacharelato, obrigando ao alumnado que opta por Robótica, Antropoloxía ou Coeducación a ter que cursar Relixión católica, pois o Decreto 86/2016 da Xunta de Galiza fixa unha distribución horaria nos distintos itinerarios que provoca esta situación. Desde o BNG defendemos un ensino laico e científico e, polo tanto, a separación escrupulosa entre a igrexa e o estado. As crenzas relixiosas corresponden ao ámbito exclusivamente privado e non teñen cabida no ensino público do noso país.

Por outra parte as políticas de Feijoo implicaron unha asfixia do ensino público: en dez anos hai un recorte acumulado de 2.000 millóns de euros, pechándose 136 escolas unitarias e 876 unidades e neste curso hai menos docentes que antes da chegada do actual presidente da Xunta.

Desde o BNG consideramos imprescindíbel adoptar unha serie de medidas para devolver á educación pública o seu papel fundamental: ofrecer un ensino de calidade que garanta a igualdade de oportunidades para todo o alumnado, laico e en galego.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG propón á Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

  1. Esixir que a Xunta da Galiza solicite ao goberno do Estado a derrogación da LOMCE e a supresión da Relixión do currículo escolar.
  2. Instar á Xunta a defender as nosas competencias en materia de ensino para fortalecer un ensino público, galego e de calidade que potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país.
  3. Instar á Xunta a recuperar a gratuidade universal dos libros de texto.
  4. Instar á Xunta a modificar a ratio de alumnado por aula en todos os niveis, de maneira que non supere a cifra de 15 escolares na etapa infantil, 20 na etapa de ensino obrigatorio e 25 nos cursos de bacharelato, incluíndo ao alumnado que repita curso.
O BNG esixe máis unha vez a derrogación da LOMCE e a adopción de medidas que garantan a igualdade de oportunidades.