MOCIÓN relativa a melloras na atención e servizo no Museo Valle-Inclán.

museo

Moción presentada para debate no Pleno Ordinario do mes de xuño 2018

MOCIÓN relativa a melloras na atención e servizo no Museo Valle-Inclán.

O Museo Valle-Inclán é unha das poucas instalacións museísticas das que dispoñemos no noso concello e nese sentido cumpre, entre moitas outras funcións, un papel importante na oferta cultural do municipio. Ë un museo que chegou a ter unha media de 11.000 visitantes por ano, e que foi valorado como exemplar por expertos na materia.

Porén, a día de hoxe conta con moitas deficiencias que impiden unha atención adecuada. Aos xa coñecidos problemas de conservación súmanse outros vinculados a unha mala xestión por parte da entidade responsábel do seu funcionamento que non é outra que a administración local. Un servizo con recursos humanos insuficientes, sen web nin adaptado aos novos tempos da sociedade da información, e cun horario de atención ao público mínimo. En pleno trimestre de temporada alta redúcese a súa apertura a dúas horas de mañá de martes a venres e tres horas nas mañás do sábado. Incumprindo polo tanto o mínimo legal esixido de 20 horas semanais de apertura ao público. Hai que sinalar tamén que se cumpre un ano da publicación dunha oferta de emprego público para dotar ao Museo de persoal cualificado para a súa atención e que a día de hoxe aínda non se pechou o proceso. Proceso que cando menos poderá ser cualificado de caótico, cheo de situacións estrañas e sen resolver.

En base ao exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes acordos:

O goberno municipal desenvolverá as actuacións precisas para dotar ao Museo Valle-Inclán dun horario de atención ao público amplo que permita explotar todas as súas potencialidades e ofrecido por persoal cualificado.

Entre esas actuacións estará a de poñer fin dunha maneira adecuada, transparente e rápida ao proceso de selección de persoal técnico aberto polo concello da Pobra o ano pasado.

MOCIÓN relativa a melloras na atención e servizo no Museo Valle-Inclán.