MOCIÓN relativa a melloras no campo de fútbol de Cadreche
O campo de fútbol de Cadreche é unha importante instalación municipal cun gran valor tanto patrimonial como social no que se teñen investidos importantes recursos públicos. Poren a día de hoxe segue contando con importantes deficiencias, escaso mantemento e falla de dotacións. As persoas usuarias da instalación sinalan unha serie de necesidades e problemas a solucionar que dende o BNG consideramos razoábeis e facilmente executábeis.
Os vestiarios non son funcionais e contan cun espazo de entrada excesivamente amplo que podería ser máis aproveitado no propio interior dos vestiarios. Nos vestiarios do equipo arbitral é preciso dotar de cortinas ás duchas para evitar que a auga dane o material no que se levantan as actas e informes pertinentes. Sería moi beneficioso dotar o espazo situado entre a saída do campo de xogo e a entrada aos vestiarios dunha malla rugosa, alfombra ou similar que axudara a limpar as botas e impedir a chegada dos restos de caucho ao interior dos vestiarios. Unha das demandas que máis se prioriza é a dotación dunha rede perimetral en condicións óptimas e das medidas adecuadas para todo o terreo de xogo. O rexistros de recollida de auga nos bordes do campo están en moi mal estado, no lado onde está a grada está roto na súa maior parte, impedindo a recollida adecuada da auga e polo tanto o funcionamento óptimo do sistema de rego. Unha vez construída a grada é preciso mudar os bancos de campo para o outro lado do terreo de xogo, xa que na situación actual molestan á visión do público da grada. Toda a zona de paso e de acceso dende a entrada do campo até á grada, cantinas e vestiarios está nunha situación lamentábel con zonas de lama e empozamentos de auga que moitas veces impiden o acceso á grada. Faise necesario dotala dun novo firme que permita o tránsito adecuado e en boas condicións.
A maiores tamén existe unha queixa xeneralizada ao respecto de que o mantemento e a atención continuada á instalación é insuficiente, destacando que moitas veces pequenas cousas vanse agrandando por non ser atendidas a tempo. Parécenos que sería unha boa alternativa ter a unha persoa do cadro de persoal do noso concello cunha atención directa e prioritaria ao mantemento desta instalación e do Estadio da Alta, como xa existiu no pasado, e como mellor garantía de ter unha resposta rápida e continua nese mantemento, así como para lograr un coñecemento rápido das deficiencias e problemas e poder ter as instalacións no mellor estado posíbel.
En base ao exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
A C O R D OS
1.- O goberno municipal desenvolverá un plan de actuación no campo de fútbol de Cadreche para facerlle fronte ás actuacións e necesidades antes descritas en colaboración e comunicación directa coas persoas e clubs usuarios da instalación.
2.- O goberno municipal encargará a unha persoa do cadro de persoal municipal a atención directa e prioritaria do mantemento e coidado do campo de fútbol de Cadreche e do Estadio da Alta.