Moción relativa a melloras na Ribeiriña e O Conchido.

Moción relativa a melloras na Ribeiriña e O Conchido.

Mª Cristina Andrade González, concelleira do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego-AA neste Concello, presenta, para inclusión e debate na vindeira sesión plenaria, a seguinte MOCIÓN relativa a melloras na Ribeiriña e O Conchido. 

Vai para 3 anos que a corporación municipal aprobara por unanimidade unha moción do BNG-AA a respecto da reforma integral da rúa 2 na Ribeiriña. Os argumentos que xustificaban aquela proposta seguen valendo para xustificar esta que se presenta agora, aínda que o deterioro foi aumentando pois nada se fixo desde aquela.

A Ribeiriña e O Conchido seguen a ser lugares nos que o goberno municipal non contempla investimentos, a pesar de ter recoñecido a débeda histórica que o Concello ten con esa zona.

A Ribeiriña e O Conchido son zonas degradadas debido ao abandono que sofren por parte das distintas administracións. A Rúa 1 segue sen beirarrúas. A Rúa 2 ten moi deteriorado o asfalto: hai cada vez máis fochancas, nalgúns puntos o asfalto desapareceu nas beiras pola falta de mantemento, noutros a maleza invade a calzada. Para completar a desfeita, un colector de entullos aparentemente abandonado ocupa desde hai demasiado tempo unha parte da calzada  e un pouco máis adiante son as pedras amoreadas dun muro derrubado as que a atrancan. Cada vez faltan máis cachos de varanda, algunhas farolas están rotas, a auga está escañando a rúa noutro punto...

Por outra parte a área que ocupara La Onza de Oro, cun grandísimo potencial como lugar de lecer para a veciñanza, esmorece tamén baixo a maleza que incluso dificulta o uso do pequeno parque. 

            Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG propón á Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

1.  O Goberno Municipal utilizará unha parte do remanente de tesourería do exercicio 2017 en acometer unha actuación integral na Ribeiriña-Conchido que contemple o asfaltado e dotación de beirarrúas iluminación e mobiliario urbano, sinalización horizontal e vertical e reorganización do tráfico, así como a limpeza e acondicionamento do bordo litoral.

2.  O Goberno Municipal acometerá a limpeza e acondicionamento da área antigamente ocupada pola Onza de Oro e dotará a este espazo de novas infraestruturas para a práctica do deporte e o lecer da veciñanza.

Moción relativa a melloras na Ribeiriña e O Conchido.