MOCIÓN relativa á preparación de gabias, cunetas, regos e camiños para o inverno
Xosé Manuel Casal Sabín, concelleiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas neste Concello, presenta, para a súa inclusión e debate na vindeira sesión plenaria, a seguinte MOCIÓN relativa á preparación de gabias, cunetas, regos e camiños para o inverno.
As vías e camiños de titularidade municipal presentan, en termos xerais, unha situación que non permitirá atender adecuadamente a chegada das chuvias e a súa correcta canalización. Cando estamos a terminar o verán, moitas destas vías e camiños, a maiores de continuar con moitas fochancas e firme en mal estado, teñen as súas beiras cheas de maleza e, sobre todo, as gabias ou cunetas completamente atoradas e cubertas, polo que non poderán canalizar adecuadamente as augas da chuvia. Evidentemente isto ocasionará un deterioro maior do firme das vías, así como a chegada das augas das chuvias a lugares inapropiados, causando moitas veces prexuízos a particulares.
Igualmente moitos regos permanentes de auga que teñen unha canalización para evitar que sobarden e cheguen ás vías, e que neste período do estío levan pouca auga, polo que non están a causar problemas neste momento, tamén teñen esas canalizacións sen limpar. E o mesmo ocorre coas canalizacións e drenaxes de determinadas obras e infraestruturas como pode ser a autovía ou o polígono industrial da Tomada.
En base ao exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
A C O R D OS
1.- O goberno municipal desenvolverá as actuacións precisas para limpar as beiras das vías e camiños municipais, así como das gabias ou cunetas e outras canalizacións para asegurar o correcto tratamento e desaugue das augas pluviais.