Moción a respecto da instalación de contedores frigoríficos no porto da Pobra

ACTIVIDADE
Moción a respecto da instalación de contedores frigoríficos no porto da Pobra

No mes de maio do ano pasado a empresa Alicrusa, con instalacións no polígono empresarial da Tomada, presentou ao ente público Portos de Galiza o denominado Proxecto básico de concesión para a descarga de túnidos por medio do almacenamento de contedores frigoríficos no porto da Pobra do Caramiñal.

O proxecto foi tramitado para exposición pública no mesmo mes de maio, aínda que a publicación no DOG demorouse ata o 12 de xuño de 2018 (DOG 111).

O período de alegacións, vinte días hábiles, comezou a contar xa que logo o 13 de xuño do pasado ano.

O proxecto pretende colocar de forma permanente ata un máximo de 84 contedores frigoríficos de 40 pés, distribuídos en bloques de tres de fondo e columnas de catro en altura, ocupando unha área de 1.650 metros cadrados (110 x 15 metros) na explanada do peirao comercial da nosa vila.

A actuación solicitada presenta varios aspectos preocupantes, como pode ser o impacto visual sobre a fachada marítima da Pobra do Caramiñal, xa moi afectada por anteriores iniciativas, e a posíbel contaminación acústica provocada polo funcionamento múltiple dos equipos unitarios de produción de frío dos que van dotados cada contedor. O informe técnico non parece incluír nin os recursos nin os procedementos a empregar no caso de incendio ou explosión dunha de tales unidades.

Pero a meirande preocupación nace, moi conscientemente, da imposibilidade de manter os actuais niveis de traballo e seguridade nas tarefas de descarga e movementos de túnidos e a existencia da reserva de chan solicitada. Probas feitas na propia explanada amosan claramente que os camións utilizados na recepción dos túnidos non poderían manobrar na zona remanente. Traballadores da descarga e empresas de consignación de buques e/ou de compra e transformación do peixe coinciden no convencemento de tal imposibilidade.

O proxecto semella tanto máis equivocado cando o propio ente Portos de Galiza dispón, dentro dos límites do porto da Pobra, espazos ociosos onde ubicar convenientemente a instalación solicitada.

A primeira iniciativa do BNG foi por medio do seu grupo parlamentar, presentando o pasado 20 de xuño unha interpelación ao Parlamento de Galiza (ver enlace ao pé) que preguntaba:

Que razóns motivan a concesión da área sinalada, tendo en conta a restrición de espazo e capacidade de movemento de vehículos e traballadores que iso implicaría?

Valorou Portos de Galicia outras posíbeis ubicacións, como por exemplo os terreos ociosos detrás da lonxa? De ser así, por que se rexeitaron?

Que informes avalan a oportunidade da concesión destes terreos?

 Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal da Pobra do Caramiñal a adopción do seguinte acordo:

Instar á Xunta de Galiza a anular a concesión e escoitar aos sectores afectados na procura de localizacións máis acaídas, dentro ou fóra dos límites do porto da Pobra do Caramiñal.

 

http://apobra.bng.gal/articulo/novas/interpelacion-mesa-do-parlamento-concesion-dunha-area-do-porto-da-pobra-estiba-permanente-contedores/20190723184105001417.html

Moción a respecto da instalación de contedores frigoríficos no porto da Pobra