Moción a respecto da política municipal en materia de deportes

Ramiro Ouviña Ouviña, concelleiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego-AA presenta para debate no Pleno ordinario do mes de marzo esta moción denunciando a actuación do goberno municipal no eido da promoción do deporte e do mantemento e  mellora das instalacións existentes.

Moción a respecto da política municipal en materia de deportes

O deporte, a súa práctica, ten un enorme potencial educativo na divulgación de valores sociais e morais, mais tamén xera grandes beneficios físicos e de saúde. 

Neste mandato que xa remata, todos os grupos da corporación presentamos mocións a respecto da promoción e práctica do deporte no noso concello. Propuxéronse acordos ben distintos, que tanto demandaban a creación de premios deportivos con carácter periódico como a promoción de eventos deportivos nas parroquias do concello.

Asemade reclamáronse actuacións sobre as instalacións deportivas existentes, tanto no Estadio da Alta como no de Cadreche e no Polideportivo da rúa Venecia.

É o caso que se solucionaron problemas puntuais nos dous campos de fútbol pero aínda así seguen a presentar amplas carencias, nomeadamente o de Cadreche, que ademais das obras aínda pendentes precisa dun proxecto integral que signifique unha mellora total das súas instalacións, de xeito que deixe de ser unha instalación considerada de segunda orde e compita en igualdade co Estadio da Alta.

Dos dous pavillóns deportivos cos que contamos, o polideportivo do polígono da Tomada esmorece sen que en ningún momento se fixera nada para deter ou cando menos frear o seu absoluto deterioro e o da rúa Venecia agarda que se inicien as obras acordadas.

Tamén no caixón dos proxectos se atopa o módulo acordado para o Estadio da Alta.

Nas parroquias a situación das instalacións deportivas é aínda máis triste, pola práctica inexistencia de tales elementos, nin sequera os aprobados por unanimidade.

Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal da Pobra do Caramiñal a adopción dos seguintes acordos:

Denunciar a actuación do goberno municipal no eido da promoción do deporte e do mantemento e  mellora das instalacións existentes.

Esixir do goberno a realización:

- Das obras solicitadas para as instalacións de Cadreche e a redacción  dun proxecto que teña como fin a mellora xeral das mesmas;

- A mellora das pistas de Granxa e Pontebarbanza;

- Estudar a construción dun novo polideportivo;

- Establecer un plan de mantemento e usos das instalacións deportivas; e

- Acordar coas agrupacións deportivas existentes no concello a política a levar a cabo, tanto na celebración de eventos como no uso das instalacións, actuais e futuras.

 

Moción a respecto da política municipal en materia de deportes