MOCIÓN a respecto da recuperación do Cruceiro de San Lázaro

Moción presentada polo concelleiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego-AA deste concello, Ramiro Ouviña Ouviña, a respecto da recuperación do Cruceiro de San Lázaro.

MOCIÓN a respecto da recuperación do Cruceiro de San Lázaro

O patrimonio é o conxunto da herdanza dunha familia, dun país. Constitúese, xa que logo, polas achegas dos devanceiros, das xeracións anteriores, que de tal xeito comprometen as xeracións actuais e as futuras no seu aprecio, mantemento e embelecemento.

O século XIX tiña unha visión restrinxida, monumental e artística do patrimonio, que foi modificada no século XX ao incorporarlle o concepto do valor cultural. Deste xeito, o patrimonio cultural adquire unha visión ampla e plural, que valora entidades de carácter tradicional ou contemporáneo, industrial ou inmaterial das distintas culturas, sen límites temporais nin artísticos.

A protección dos valores e bens que forman o patrimonio fíxose máis evidente a partires dos anos setenta do século XX cando estados e organismo internacionais redactaron leis e convenios para preservar e transmitir o legado dos devanceiros aos descendentes, creando un vínculo entre o onte e o mañá, a través de hoxe, reforzando deste xeito a identidade cultural dos seus membros.

Así comezaba unha moción rexistrada e defendida por este concelleiro en novembro de 2015. Aprobada por unanimidade, incluía entre outros o seguinte acordo:

O Concello de A Pobra do Caramiñal deseñaráprotocolos de actuación e recuperación dos elementos do patrimonio cultural que animen e involucren a participación da cidadanía, moi especialmente a da xente más nova.

Posteriormente, o Diario Oficial de Galiza do 16 de maio de 2016 publicou a lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galiza, que entrou en vigor tres meses despois da publicación no DOG, isto é o 16 de agosto do 2016, que na exposición de motivos explica que é compromiso da lei a manifestación do exercicio da vontade política colectiva, consciente do valor material e inmaterial do recibido que ao longo do tempo configuraron a identidade cultural galega.

Recoñece tamén os avances significativos que a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago, representaron na protección do patrimonio cultural de Galiza. Ambas as dúas xunto coa Lei 12/1991, do 14 de novembro, de traballos de dotación artística nas obras públicas e Camiños de Santiago de Galicia, foron expresamente derrogadas pola xa citada Lei 5/2016.

Por outra parte a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local recoñece o protagonismo dos concellos e o grao de madureza e responsabilidade da Administración local.

A pesares da lexislación vixente, as agresións contra o patrimonio son frecuentes, senón constantes, e se fai moi poucos meses a venta e traslado de hórreos ocupaban páxinas nos xornais, en datas recentes as redes sociais volveron a poñer de actualidade a máis que posíbel ilegal situación dun cruceiro da nosa vila.

Trátase do coñecido como “Cruceiro de San Lázaro” que durante moitos anos estivo situado na rampla da Punta Salera, a carón das ruínas da vella fábrica de salgadura, que cerraba a praia de San Lázaro

polo NE. O monumento, de fermosa factura, é dos máis antigos e notables da Pobra do Caramiñal e da Barbanza, debendo situarse a mediados do século XVI.

Aínda que a lexislación vixente naquelas datas, o Decreto 571/1963, do 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico manifestaba no seu preámbulo que:

  • ...parece imprescindible establecer como medida general de defensa la prohibición de alterar el emplazamiento o la disposición de los objetos de que se trata sin autorización previa del Ministerio de Educación Nacional

E no artigo primeiro dispoñía que:

  • Los propietarios poseedores o usuarios de escudos, emblemas, piedras heráldicas , rollos de justicia, cruces de término y demás piezas y monumentos de análoga índole cuya antigüedad sea de más de cien años no podrán cambiarlos de lugar ni realizar en ellos obras o reparación alguna sin previa autorización del Ministerio de Educación Nacional.

O cruceiro foi desprazado da súa localización orixinal e depositado irregularmente, dise que con premeditación, aleivosía, e quen sabe se con nocturnidade, na metade dos anos oitenta do pasado século, posiblemente coincidindo coas obras do novo peirao comercial, entre os anos 1983 ou 1984 e 1987, ata unha finca privada, de acceso restrinxido, onde non se garante, sequera, o mantemento preciso.

Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal da Pobra do Caramiñal a adopción dos seguintes

ACORDOS

  1. Comisionar un estudo que constate a titularidade deste cruceiro como ben afectado.
  2. Abrir un expediente de investigación patrimonial para coñecer as circunstancias do traslado dun ben público a un ámbito privado, en especial se se dispón de antecedentes administrativos documentados.
  3. Proceder á recuperación deste cruceiro para a súa posterior instalación en lugar de dominio público.
MOCIÓN a respecto da recuperación do Cruceiro de San Lázaro