Moción a respecto da seguridade viaria.

Moción a respecto da seguridade viaria.

O Grupo Municipal do BNG leva exposto numerosas veces ao longo deste mandato a súa preocupación pola seguridade viaria na nosa vila. Consecuentemente, propuxemos a esta Corporación solucións que coidamos acaídas.

É o caso das coñecidas como “zonas 30” que presentamos en xaneiro de 2016 e que reclamamos novamente máis tarde, ao incorporalas aos acordos co equipo de goberno para a aprobación dos orzamentos de 2016.

Ou a mellora da seguridade nas rotondas de acceso á autovía e as de entrada ao peirao comercial, incluíndo a sinalización vertical e horizontal, a instalación de paneis de dirección e tamén a eliminación dos elementos que poden contribuír ao agravamento das consecuencias dos accidentes.

Tamén as actuacións sobre zonas concretas, como foron os seguintes casos:

  • Establecer sentido único de circulación para automóbiles nas vías rurais dende Rego, pasando por Tarrío, Cruz de Pedra e Agros da Vila, e dotalas de beirarrúas.
  • Dotar dunha sinalización adecuada á zona de aparcamento do recheo portuario.
  • Ampliación das beirarrúas no primeiro tramo da Rúa San Roque, así como o regulamento do tráfico para evitar as situacións de risco e perigo para o tránsito peonil.
  • Mellorar a seguridade viaria para evitar a situación de perigo que se dá no cruce entre a rúa Lamas e Andrés con Rafael Dieste; ou na rúa Lápido ao seu paso ao carón do parque Rafael Baixelas, carente de beirarrúas polo que os peóns teñen que circular polo zona de tráfico. E tamén na saída á Rúa Gasset dende Manuel Murgía.
  • Permitir a excepcionalidade de tránsito de baixada entre o Campo da Feira e a igrexa de Santiago do Deán para os servizos funerarios.

En canto aos pasos de peóns cabe lembrar que fai xa tres anos este pleno aprobou por unanimidade uns acordos para aumentar o seu número e dotación, mellorar a sinalización e empregar pintura non esvaradía, coa intención de minimizar os accidentes, reclamados outra vez en abril de 2018.

Por último, pero non menos importante, as propostas feitas nestes case catro anos de mandato sobre melloras nas beirarrúas que inclúen a eliminación de atrancos á accesibilidade.

Destacar que as devanditas propostas foron todas aprobadas por unanimidade.

Polo anteriormente exposto, solicitamos do Pleno da Corporación municipal da Pobra do Caramiñal a adopción dos seguintes

ACORDOS

  1. Denunciar a pasividade do goberno municipal na realización destas medidas que mellorarían a seguridade viaria dos veciños e veciñas da Pobra.
  2. Esixir do goberno a inmediata execución dos acordos citados.
Moción a respecto da seguridade viaria.