Moción a respecto da situación das rúas do concello

Moción a respecto da situación das rúas do concello

Unha e outra vez, pode ser que tamén noutras datas, pero dende logo sempre nestas, a condición das vías de comunicación aparece no debate político. Este ano nin sequera o adormecemento do verán foi quen de evitar que se falara diso, pois foron temas recorrentes a sucidade das rúas, a presenza de cheiros de sumidoiros e contedores do servizo municipal de recollida do lixo, a presenza, sen seren convidadas, das ratas, e dende logo a vexetación descontrolada que invade camiños, rúas e mesmo beirarrúas, alá onde as hai.

Dalgún xeito este ano a realidade superou a dos anos pasados, pois a situación na que se encontran as rúas urbanas máis afastadas do centro, digamos Rafael Dieste e Alexandre Bóveda, por poñer un exemplo, é autenticamente lamentable, uníndose en igualdade de condicións coas do rural.

A isto podemos engadir a sucidade das rúas empedradas do centro da Pobra, que acumulan roña ata o punto de que a súa cor cada vez se aproxima máis ao negro.

O lixo, o cheiro, a maleza están comendo cada vez máis terreo no noso concello e iso esixe actuacións, urxentes unhas, e concienzudamente planificadas outras para rematar definitivamente cunha situación que o BNG vén denunciando reiteradamente desde hai anos.

Diante da pobrísima situación de todas as rúas do noso concello propoñemos que:

  1. O Goberno Municipal leve a cabo con urxencia unha limpeza xeral das rúas urbanas, incluíndo a eliminación de vexetación que invade as beirarrúas.
  2. O Goberno Municipal do concello da Pobra do Caramiñal limpe e adecúe as cunetas, regos, rexistros e demais elementos do sistema de recollida de pluviais tanto nas zonas rurais, como no casco urbano.
  3. O Goberno Municipal da Pobra do Caramiñal estableza un programa de saneamento e limpeza de beiravías, beirarrúas, cunetas e regos que evite o asolagamento de rúas e camiños.

 

Moción a respecto da situación das rúas do concello