Moción a respecto do pintado e sinalización do aparcadoiro de San Lázaro
A parcela identificada pola referencia catastral 5578106NH0157N0001QZ está situada no barrio de San Lázaro, entre a estrada AC-305 e as instalacións do porto comercial desta vila. Segundo os datos da Sede Electrónica do Catastro ten unha superficie de 966 metros cadrados.
A área, que é utilizada tradicionalmente como aparcadoiro de automóbiles, atópase actualmente en condicións manifestamente mellorábeis, coa capa asfáltica do piso moi estragada e con abundantes fochancas, dificultando o acceso á mesma. Cabe apuntar tamén que a pesares do seu uso tradicional, non conta coa axeitada sinalización vertical, nin a horizontal que delimite as prazas e a desexábel especialización das mesmas (mobilidade reducida, motos, bicicletas, etc.)
Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal da Pobra do Caramiñal a adopción dos seguintes
ACORDOS
- Reparar o piso da parcela xa referenciada e dotala da necesaria sinalización vertical.
- Delimitar con pintura as prazas e reservar as necesarias para usos especiais, como os apuntados no segundo parágrafo da exposición de motivos.