O BNG da Pobra en marcha.

thumbnail_IMG_20190411_124200_333
O BNG da Pobra en marcha.

Comezou abril e o BNG da Pobra púxose en marcha para coñecer de primeira man as necesidades e as propostas dos diferentes colectivos da nosa vila e da comarca. É o primeiro paso para a construción dun programa municipal engaiolante, realista e posible.

A primeira cita foi coa Asociación de Amas de Casa da Pobra. O luns 1 de abril, Ramiro Ouviña e Cristina Andrade compartiron coa súa directiva case dúas horas de diálogo franco e positivo. O BNG sabe perfectamente da importancia dos traballos levados a cabo ao longo do tempo polas asociadas. Traballos no eido asistencial, no cultural e na promoción de actividades de lecer e formación, son parte do haber das Amas de Casa. Alí declaramos a nosa dispoñibilidade sen reservas para unha estreita colaboración entre a Asociación e o goberno municipal do BNG.

O xoves 11, visitamos as instalacións de AMBAR en Frións (Ribeira). Ramiro Ouviña, candidato á alcaldía, Cristina Andrade, Laura Novelle e Manuel Fernández, membros da candidatura do BNG da Pobra do Caramiñal, mantiveron coa directora e persoal do centro unha reunión informativa a respecto da posibilidade de colaboración entre a entidade e o goberno municipal do BNG unha vez pasadas as eleccións do vindeiro mes de maio.

AMBAR puxo e enriba da mesa propostas moi interesantes, tales como:

  • Formación do colectivo e promoción de políticas para a plena inclusión social e laboral.
  • Redacción dunha ordenanza municipal de accesibilidade.
  • Creación dun Consello Local de Accesibilidade que leve a cabo controis destas obras ou proxectos municipais.
  • Melloras na rede de transporte público, tanto autobuses como taxis adaptados.
  • Acceso ás subvencións municipais, que no caso da Pobra están por cobrar aínda as 2017-
  • Promoción de políticas de inclusión social

Ramiro Ouviña fixo un relato das iniciativas presentadas polo grupo municipal do BNG ao longo deste mandato e asegurou a súa dispoñibilidade para levar a cabo políticas de inclusión do colectivo AMBAR, tanto no eido laboral como no social ou de formación.

O venres 12 foi intenso.

Primeiro, reunión coa Confraría de Pescadores, representada pola presidenta, o Patrón Maior e directivos. Por parte do BNG, Ramiro Ouviña e Cristina Andrade. O mar, elemento de primeirisima orde na economía local, terá sempre no BNG da Pobra máis que un socio, terá un cómplice para levar a cabo os seus proxectos, para acompañalos na mellora do seu xeito de vida. A nosa colaboración coa Confraría está garantida.

Despois, bateeiros. Neste caso coa Asociación de Produtores de Mexillón da Pobra. De novo o candidato á alcaldía, acompañado agora por Cristina Andrade e Laura Novelle, que comprobou, de novo, o difícil que é moverse unha persoa con discapacidade pola nosa vila. Presidente e directivos da Asociación comentaron cos membros do BNG as súas preocupacións e partillamos lembranzas e batallas persoais e colectivas. Deixamos ben claro que no goberno municipal do BNG terán sempre un socio, un colaborador preferente e incondicional.

Seguiremos coas reunións. E informando.

O BNG da Pobra en marcha.