O BNG rexeita participar nunha moción de censura

censura
O BNG rexeita participar nunha moción de censura

A decisión de NP de presentar os orzamentos 2018 xunguidos a unha cuestión de confianza é unha manobra electoralista que vén de atrás. Tan atrás como que NP mantivo á Pobra durante o ano 2017 sen orzamentos, creando alarma social e enfrontamentos dos grupos da corporación coa cidadanía, tendo a posibilidade de aprobalos do mesmo xeito que este ano. O ano pasado NP non arranxou camiños, non construíu canceiras nin levou a cabo os investimentos necesarios para A Pobra porque non quixeron, non porque o pleno non lle aprobara algún dos cretos extraordinarios solicitados. Puido redactalos e sometelos igual que agora a unha cuestión de confianza.

Agora, coa confianza de todos os grupos da corporación e, o que é máis importante, da xente da Pobra, perdida, tíranse de cabeza ao mar prometendo facer en seis meses o que non fixeron en tres anos.

As mulleres e homes da Pobra ben saben que a resposta a unha cuestión de confianza é una moción de censura, presentada cando menos pola metade máis un dos membros da corporación, condición que só se da sumando os concelleiros e concelleiras do BNG e do PP. 

Dende o BNG repetimos unha vez máis que os resultados de maio de 2015 amosaron claramente que A Pobra non quería outro goberno do PP.

Somos unha organización honesta que quere o mellor para A Pobra. Somos fiábeis, e sabemos que os votos que se nos deron levan ben clara a mensaxe de non permitir que o PP goberne o noso concello.

A nosa valoración dos resultados electorais de 2015 segue vixente a día de hoxe. Sabemos que o PP non é a alternativa que necesita a Pobra: aí están os 16 anos do seu mal goberno. As necesidades da Pobra e o proxecto do BNG están nas antípodas das propostas do PP, por moito que coincidamos en determinadas mocións ou arranxos puntuais.

Non imos polo tanto a participar en mocións de censura que upen gobernos de pretendidas emerxencia e salvación. Non imos crer nos cantos de serea de pseudo líderes que tempo atrás se nos descubrían colocando en solitaria aventura nocturna cartaces animando á xente a manifestarse para sacar partido dun feito dolorosísimo acaecido na nosa vila. Non.

Nin o PP nin NP, que nos últimos días volveu a amosar a súa auténtica identidade, dicindo a quen lle quere escoitar que o BNG non aprobara os orzamentos por intereses persoais ou afirmando que PP e BNG pactaran unha moción de censura e que tiñan que se apurar, teñen credibilidade. Mágoa que NP non se veña apurando dende xullo de 2015, pero para traballar, non para difamar e calumniar.

En resumo, a única alternativa á desgraza do goberno de NP é o BNG. Temos a ilusión e as ganas de traballar para A Pobra dende o seu goberno, pero nunca logrando a alcaldía de calquera xeito, sen máis, a calquera prezo. O obxectivo do BNG é lograr os votos necesarios para darlle aos veciños e veciñas da Pobra o que A Pobra precisa para remontar a crise na que estamos asentados.

O BNG rexeita participar nunha moción de censura