O BNG PROPUXO E CONVENCEU

Orzamentos 2018 - Aprobación definitiva

casadoconcelloapobradocaraminal
Orzamentos 2018 - Aprobación definitiva

O BNG vén de modificar os orzamentos de Nós Pobra para 2018. E fíxoo mantendo a liña que propuxo dende o principio: respecto ás mocións aprobadas no pleno.

Se nas consultas previas o BNG propuxo incluír mocións aprobadas no pleno, especialmente as que obtiveron a unanimidade, no período de alegacións entre a aprobación inicial e a definitiva, os concelleiros do BNG presentaron, a título individual, catro que supoñían  modificacións nos obxectivos mais non nas cifras totais dos orzamentos. E fixérono conscientes de que no pleno extraordinario de aprobación definitiva, os orzamentos ían ser aprobados, incluíndo as alegacións dos concelleiros do BNG ou non, pero aprobados igualmente. É dicir, as alegacións non supoñían ningún entorpecemento nin retraso no proceso de aprobación dos orzamentos, pero si unha mellora dos mesmos.

O BNG disentiu do informe da intervención municipal, considerándoo restritivo e que dificultaba o labor do Pleno de controlar e fiscalizar a acción do goberno. E polo tanto opúxose ao argumento empregado por NP para non estimar as alegacións, o informe contrario de intervención, para modificar e mellorar os orzamentos electoralistas de NP.

Propuxemos que 30.000€ da partida “Asfaltados en pistas rurais” levaran o destino específico de asfaltar e mellorar a estrada entre Cadreche e Ouxo.

Propuxemos que 50.000€ das partidas “Asfaltados en zonas urbanas” e “Melloras de accesibilidade no casco urbano”, 20.000€ e 30.000€, respectivamente, se destinaran a melloras na accesibilidade e seguridade viaria na rúa San Roque e Adro do Caramiñal.

Propuxemos que 121.386,80€ das partidas “Espazo multifuncional”, 31.386€, “Rehabilitación vivenda escola Camiño Ancho”, 10.000€ e “Casa da mocidade”, 80.000€, se investiran na creación dun espazo para a mocidade empregando un lugar de titularidade pública, a escola do Camiño Ancho, e non uns locais alleos, alugados polo goberno de NP.

Propuxemos que 100.000€ da partida Rehabilitación Torre Bermúdez e Auditorio Valle  Inclán” se destinen a conservación das naves dos Areos, isto é, o concurso de ideas e inicio do proxecto.

O cambio de destino dos fondos alegados polo BNG non afectan á totalidade dos gastos ou ingresos calculados para os orzamentos.

O BNG defendeu as alegacións consciente de que as propostas dos seus concelleiros melloraban sensiblemente os orzamentos.

O BNG presentouse ao pleno sen pactar con ningún dos grupos políticos, a peito descuberto, arriscando e facendo súa a proposta dos seus concelleiros e concelleira, sabendo que podería contar ou non co apoio da corporación, boa proba disto é a conmoción que supuxo a emenda que presentamos ao inicio da sesión.

Nun xogo democrático e limpo, lonxe dos delirios do Rei Sol, o BNG propuxo e convenceu. Seguiremos atentos a execución do orzamento.

Orzamentos 2018 - Aprobación definitiva