POS+ 2018: Tropezando sempre na mesma pedra

25446055_1772932789675814_7989510145219400877_n
25446055_1772932789675814_7989510145219400877_n
POS+ 2018: Tropezando sempre na mesma pedra

O luns 18 de decembro celebrouse un pleno extraordinario e urxente para, entre outros asuntos, aprobar o POS-2018 (Plan de Obras e Servizos da Deputación). Novamente o goberno municipal de NP agardou a escasas horas de rematar o prazo para levar a pleno os proxectos a presentar na Deputación. A convocatoria deste plan foi publicada no mes de outubro, polo tanto, con tempo suficiente para non repetir erros e dinámicas xa cometidas en anteriores convocatorias. Mais non foi así, e o goberno municipal contactou cos grupos da oposición a escasas xornadas para rematar o prazo de presentación convocándonos para o día seguinte a unha reunión para debater sobre as propostas de proxectos. Evidentemente o BNG respondeu que dun día para outro non se poden levar propostas avaliadas correctamente, a maiores informamos que o día ao que se nos convocaba non podíamos asistir. A resposta do alcalde foi seguir mantendo a reunión no día no que non podíamos asistir, sinal inequívoca do seu interese pola nosa presenza.

Ao BNG parécenos unha tomadura de pelo esta forma de actuar, está claro que unha convocatoria no límite do tempo impide poder facer propostas distintas ás que xa ten elaborado o goberno municipal pois sería imposíbel desenvolver os proxectos técnicos necesarios a presentar, polo que só se ofrece marxe para escoller entre as distintas propostas que o propio goberno xa ten decidido.

Por outra parte o BNG e NP teñen asinado un acordo no 2016, vinculado aos orzamentos municipais para ese ano, no que se recollen compromisos claros e nominais de actuacións a desenvolver polo goberno municipal no que ten a ver coas axudas de outras administracións, ningún deles iniciado, polo que o goberno municipal é coñecedor de cales son as propostas do BNG e cales son os compromisos que teñen adquiridos con nós.

Unha vez que o goberno municipal non quixo contar con nós na primeira reunión, e con todas as outras cuestións comentadas, consideramos innecesario participar nunhas reunións que presentaban todas esas eivas e porque NP xa tiña perfecto coñecemento dos compromisos adquiridos co BNG. Finalmente veuse que o goberno municipal preferiu atender ás demandas do PP e chegar a acordos con eles en vez de desenvolver os que xa tiñan acordados con nós.

Como o resto dos anos o BNG non se opuxo ás obras presentadas e co seu voto favoreceu a súa aprobación no pleno, xa que os veciños e veciñas da Pobra non teñen que asumir aínda máis consecuencias negativas da xestión deste goberno municipal.

POS+ 2018: Tropezando sempre na mesma pedra