Presentación da candidatura municipal do BNG da Pobra do Caramiñal

candidatura-02

O BNG da Pobra do Caramiñal presentou o sábado 30 de marzo a candidatura municipal para maio de 2019.

Unha lista renovada que prima o papel da muller, colocando tres, o máximo legal, nos cinco primeiros postos

Presentación da candidatura municipal do BNG da Pobra do Caramiñal

Fai máis de corenta anos Leonard Cohen agasallounos cun himno marabilloso do que hoxe vou tomar o seu verso máis cantado: First we take Manhattan, then we take Berlin.

O mestre canadiano contábanos e cantábanos naquela canción a rebeldía de quen, antes condenado polo sistema, berra a súa volta Aquí estou, veño cobrar e anuncia e ameaza que Primeiro tomaremos  Manhattan e despois tomaremos Berlín.

Igual que Cohen, nós, o BNG, imos tomar primeiro Madrid e despois A Pobra do Caramiñal.

First we take Manhattan!

Para esta primeira ocupación, para esta primeira batalla, contamos cun extraordinario grupo de xente -Mª Xosé Bravo, Mon Fernández, Silvia Pardo, Miguel Pernas, Maruxa Martínez, Ana Lestón ou Suso de Toro- encabezados por Néstor Rego. Elas e eles van ser a nosa voz, a de Galiza, no Congreso, unha voz desaparecida dende xaneiro do 2016, daquela a voz da nosa Rosana.

Serán as de abril unhas voces que defenderán alto e claro as necesidades, as propostas de Galiza. Todas xuntas nunha soa voz, a do BNG, sen outras ataduras que a defensa hoxe si e mañá tamén dos galegos e as galegas, de todos e cada un e cada unha de nós. Unha voz rexa, sen dúbidas, sen máis compromiso que Galiza, lonxe, moi lonxe dos enganosos cantos de serea que escoitamos no 2016 e volveremos a escoitar nos vindeiros días, experimentos con patente de fóra, con éxito nulo, de costas ao país.

A voz que queremos escoitar é a do BNG, xunguida sempre á nosa terra. 

E xa tomado Madrid

Then we take Berlin!

Sei que as miñas palabras poden soar como de compromiso, de dar un paso máis no longo proceso electoral, poñer un selo, facer unha sinatura.

Non é así. Non, non é así. Eu agora mesmo fálovos dende ese curruncho do corazón onde todos os medos, os secretos, as vergonzas, desaparecen para se converter na enorme honra que significa que pensarades en min para encabezar a candidatura do BNG á alcaldía da Pobra do Caramiñal.

Dalgún xeito cada militante activo “sabe” que ten a solución aos problemas do concello e que eventualmente sería quen de endereitar as cousas que están mal. Dalgún xeito a participación, o dereito e a obriga de cada un e cada unha a ser parte da sociedade, tamén é iso: pensar, identificar, propoñer, resolver.

Mais é difícil estar preparado. De feito non sei se o estamos nalgún momento, para ter que dar o salto, para saber que es ti, precisamente ti, quen represente todo o bo que o BNG pode ser para A Pobra do Caramiñal.

Pero cando xorde, cando o que durante moito tempo era unha especie de  ectoplasma fusco e difuso, se fai, de súpeto, realidade, se materializa, ou sexa, como se escoita tanto nos plenos da Pobra, “cuando la realidad es la que es y tu lo sabes”, entón todo cambia.

Ben sabedes que son capitán da mariña mercante. Naveguei en barcos moi distintos, pero posiblemente os petroleiros son dos menos frecuentes na miña libreta de navegación. Embarcas, desembarcas, te vas especializando, e, de súpeto, un día dinche que tes que embarcar en tal barco, un petroleiro de 100.000 toneladas. E alá vas, porque o relevo ten que ser xa. Así que embarcas en Balboa, na parte Oeste, a do Pacífico, do canal de Panamá, e nas horas que dura o tránsito (que voan como o vento) asumes o mando. Xa é de noite cando desembarca o práctico en Colón. Pola popa quedan os espigóns e namentres dás as ordes de rumbo e máquina, cos cóbados repousando nos paraventos do alar de estribor do teu primeiro petroleiro como capitán, miras á escuridade que se estende máis aló da proa e pensas: Quen carallo me mandaría a min meterme neste lío!

É algo así, de verdade que é algo así.

E diredes, oes, esta é a segunda vez. Xa estivemos aquí no 2015, meu.

E eu contéstovos, e lo pensades que é distinto?; pensades que a segunda é máis livián que a primeira?

Non, non o é, non.

Os sentimentos, as sensacións son como foron entón. Mestura de honra, temor e responsabilidade. Se acaso a experiencia tingue todo dunha cor distinta.

Pero por enriba dese revolto está o convencemento de que entre todos e todas somos quen de facelo.

Por iso vouvos presentar ás mulleres e homes que lle dan forma á candidatura do BNG da Pobra do Caramiñal para as eleccións municipais de maio 2019.

Imós aló.

5 Verino Romero, ripa rexa e forte do BNG da Pobra. Onte, hoxe e sempre.

4 Rosana Pérez, a personalidade política máis extraordinaria que deu a Pobra. Modelo a imitar. Permanente garantía de futuro.

3 Marcos Carracedo, deportista, ex campión de España de marcha en ruta e agora adestrador, traballador por conta allea, pobrense do Barco de Valdeorras.

2 Noemi Martínez, traballadora incansable, na procura constante dun lugar propio baixo o sol

1 Xabier Santos, mestre, de maneiras tranquilas e perseverantes.

13 Xosé Manuel Casal Sabín, o traballo, a convicción, a conciencia de país.

12 Amparo Cerecedo, emprendedora, imaxinativa, loitadora incansable polo tecido comercial da nosa vila.

11 Francisco C ordeiro, mariñeiro, con destinos máis e máis comprometidos

10 Natividad Fernández, a nosa Nati Peña, traballadora por conta allea, artista. A vida feita corpo de muller.

9 Ramón, Moncho, Miguéns, nacionalista de primeira liña, teimudo, constante.

8 Ana Rosa López, mestra, interesada nas artes populares. Será máis, tanto como ela queira.

7 Xosé Mª Abuín, pobrense de Rianxo, mariñeiro. Nunca o Carme do Castelo e o folclore galego tiveron mellor valedor.

6 Mercedes “Mecky” Maceiras, traballadora por conta allea, catequista, artista, chega para ficar.

5 Manuel Fernández, “Maruxo”, confiable, cercano.

4 Alicia Miguéns, traballadora por conta allea, comprometida coa tradición.

3 Laura Novelle, pobrense de O Carballiño, historiadora, escritora e divulgadora.

2 Cristina Andrade, pobrense de Pontevedra, mestra, unhas cantas xeracións de homes e mulleres da Barbanza saben do seu bo facer nas aulas.

Eu, quen vos fala, Ramiro Ouviña, mariño mercante xubilado, fillo de Ramiro o Reino e Francisca a Freana. Orgulloso marido de María, pai de Breogán, Olalla e Tamara, e avó de Mariña.

Unha candidatura de mulleres e homes que forman parte da medula, dos miolos, da esencia e do ser da Pobra do Caramiñal que queremos:

A Pobra emprendedora, con especial atención á mocidade e á muller.

A Pobra á medida das persoas, peonil, accesible, segura.

A Pobra solidaria e participativa, con servizos sociais de calidade, que loita contra as desigualdades, a pobreza e a exclusión social.

A Pobra comprometida coa cultura e o deporte, que promociona as asociacións e artistas locais, con instalacións adecuadas.

Porque sabemos que e como, ímolo facer con vós, coa vosa axuda. Entre todos. Con todas-

Adiante co BNG!

Presentación da candidatura municipal do BNG da Pobra do Caramiñal