As propostas do BNG para a Ribeiriña incluídas nos investimentos do remanente de tesouraría 2017
O remanente de tesouraría 2017 destina máis de 100.000€ á primeira fase da reforma integral da rúa 2 da Ribeiriña
A Pobra do Caramiñal vén de vivir outra vez as consecuencias da imprevisión e dos desvaríos do goberno de Nós Pobra.
Pasaron meses e meses dende que o grupo de goberno comezara a falar do remanente de tesouraría do ano 2017, os cartos que eles mesmos foron incapaces de converter nos investimentos e nas obras que o noso concello necesita. Pola súa procedencia, o remanente debe investirse durante o ano 2018, isto é, antes do vindeiro 31 de decembro.
Finalmente o alcalde convocou aos grupos da corporación para o 30 de outubro. Presentaron as súas propostas. O BNG puxo argumentos a varias das partidas e sinalou incluír as obras no Camiño Real da Ribeiriña.
Este grupo municipal leva anos pedindo, esixindo, loitando, é dicir, trasladando as demandas dos veciños e veciñas polos investimentos necesarios na Ribeiriña e Conchido, conscientes de que a zona precisa dunha atención que non lle deu o PP.
De feito, xa en outubro de 2015 presentamos unha moción para a reforma integral da rúa nº 2. Aprobouse por unanimidade.
E pouco despois, no orzamentos de 2016, incluímos o compromiso de crear instalacións deportivas e de lecer nos terreos que ocupou La Onza de Oro.
En xuño pasado presentamos unha moción para determinar en que se ía investir o remanente de tesouraría do que estamos a falar e na listaxe estaban tamén proxectos de actuación integral na Ribeiriña-Conchido co asfaltado e dotación de beirarrúas, iluminación e mobiliario urbano, sinalización horizontal e vertical e reorganización do tráfico, así como a limpeza e acondicionamento do bordo litoral, e a dotación dunha pista deportiva na explanada da antiga fábrica da Onza de Oro.
Nas obras presentadas na primeira reunión do día 30 de outubro non había ningunha para a Ribeiriña, pero o BNG propuxo, como xa dixemos, incluír algunha das xa solicitadas ao longo deste mandato. Na segunda, apareceron unhas obras menores que non tiñan nada que ver coas demandas. E manifestamos a nosa posición en contra.
Chegou o día do pleno extraordinario, o pasado 15 de novembro, e o goberno non conseguiu aprobar a súa proposta. O BNG abstívose, pois aínda que tiñamos reservas a respecto das propostas de NP entendiamos que era responsabilidade do goberno levalas adiante. O PP votou en contra do goberno, dos veciños e veciñas e das obras.
Coa présa do tempo que se acaba, o alcalde volveu a convocar un novo pleno para o día 20 de novembro. Agora non só extraordinario senón tamén urxente. Desta vez incorpóranse máis de 100.000€ para comezar os traballos de reforma do Camiño Real. E aínda que non estamos seguros de que o goberno vaia levar adiante estes traballos, o BNG síntese orgulloso de que finalmente se atendan as necesidades da Ribeiriña e Conchido. É o primeiro paso. Vixiaremos para que se dea e que lle sigan outros.
Por iso, e só por iso, pola Ribeiriña, o BNG votou a favor. Polos veciños e veciñas, porque merecen saír do abandono ao que os meteu o PP e pretendía mantelos NP.