Resumo do Pleno Ordinario Xaneiro 2018
Ano novo, pleno vello.
ANO NOVO, PLENO VELLO
O pleno de xaneiro tiña moito de novembro, exactamente tres mocións do PSOE e tres do PP. O goberno local incluíu catro puntos de escasa importancia e as actas de marzo de 2017. Propias deste mes rexistramos mocións o BNG, tres, e o PP, dúas. Non deu tempo a velas todas, de xeito que quedaron sen debater unha do BNG contra a subida daspeaxes da AP-9 e dúas do PP.
A concelleira Cristina Andrade defendeu unha moción solicitando que os servizos funerarios poidan transitar nos dous sentidos pola rúa entre O Couto e a Casa de Aguiar,algo que xa se viña facendo ocasionalmente pero non estaba regularizado. Foi aprobada por unanimidade. Agora toca a agardar cando colocan o sinal pertinente.
De seguido defendeuse a moción do BNG rexeitando a reapertura da mina de cobre de Touro. Un proxecto baseado unicamente na especulación sobre o prezo alcista do cobre no mercado mundial. Pretenden deixar aquí as augas contaminadas por metais pesados e tóxicos e levar a riqueza para Huelva e China. Os millóns de metros cúbicos das augas do rio Ulla e a súa bacía empregadas no proceso de extracción do mineral de cobre van constituír unha ameaza terrible e certa sobre a ría de Arousa e o seu sistema produtivo: o marisqueo tradicional dos bivalvos como as ameixas, os berberechos, as vieiras e os mexillóns. Os máis que probábeis vertidos cotiáns contaminarán a auga que sae das billas das nosas casas ou serven para fabricar conservas. Dunha maneira ou outra coincidiron coa apreciación do BNG o PSOE e NP, que votaron a favor, pero o señor Durán e os seus concelleiros, encerrados na obediencia ao seu partido, sempre dispostos a escoller a favor das grandes empresas,rexeitaron defender os intereses dos veciños e veciñas da Pobra en particular e da Arousa en xeral ignorando as miles de familias que ven ameazado o seu futuro, e votaron en contra. Para o seu portavoz, que ben demostrou o xoves vivir nos mundos de Yupi, os investimentos especulativos están por enriba dos sectores produtivos asentados na ría de Arousa.
O goberno trouxo, outra vez, un recoñecemento extraxudicial de creto. De novo gastos feitos sen partida orzamentaria, maña moi do gusto do PP que tamén lle gusta a NP, e que o BNG rexeita pero se sinte obrigado a votar favorablemente para que poidan cobrar os provedores, pequenas empresas e autónomos que ignoran a falta de partida cando realizan o traballo ou subministran os materiais. O PP e o PSOE, abstivéronse.
Presentou tamén o goberno dous expedientes de revisión de oficio: un sobre os nomeamentos como fillos adoptivos do concello, apoiado polo BNG, NP, e PSOE e o voto en contra do PP. O segundo sobre a nulidade das licenzas de obras 1/2006 e 2/2006, que o PP propuxo sen éxito retirar da orde do día. Recibiu os votos favorábeis do BNG e NP; a abstención do PSOE e o voto en contra do PP.
A última proposta do goberno era un convenio de colaboración coa Xunta para os procesos de selección da Policía Local e os Auxiliares. Votaron a favor NP, PP e PSOE. O BNG votou en contra por non estar de acordo coa perda de autonomía municipal que ese convenio implicae o perigo de que un proceso selectivo común a toda Galiza deixe sen efectivos a pequenos concellos como o da Pobra, ao que as persoas aspirantes rexeitarán vir habendo outros lugares con mellores salarios e condicións laborais. O tempo dirá.
A primeira moción de novembro era do PSOE sobre a revalorización das pensións. Redactada dende Madrid, ao unísono entre o partido e as centrais sindicais estatais, a moción esquece totalmente os problemas dos pensionistas galegos, que teñen as segundas pensións mais baixas do Estado, e pasaba por alto a responsabilidade que ese partido ten sobre a reforma do mercado laboral. O BNG propuxo unha emenda do primeiro acordo que non pasouse aceptou ao absterse NP e ter os votos en contra de PSOE e PP. A moción só contou cos votos favorábeis do PSOE e NP, pois o PP votou en contra e o BNG abstívose ao non ser incluída a emenda proposta.
Tamén era do PSOE a seguinte moción, agora sobre o abandono do medio rural galego. Aínda que con matices, PSOE, BNG e NP coincidiron en votar a favor das propostas. O PP votou en contra, pois segundo o señor Durán o rural galego está moi ben grazas ás políticas da Xunta. Pensará o señor Durán que o rural galego é o Maño?
A terceira moción do PSOE e a primeira do PP eran sobre o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Aprobáronse por unanimidade.
A segunda moción do PP propoñía a firma entre o Concello e a Xunta de Galiza do convenio Concello Doing Business. Segundo o PP, o convenio ten tres eixos: incentivos fiscais, ou sexa rebaixa de impostos para as empresas; simplificación administrativa, e facilidades para acceder a solo empresarial, eufemismo por solo industrial moi barato. O BNG resaltou que a aplicación do convenio, se se asina, terá escasísima ou nula incidencia na Pobra, xa que non temos solo industrial que ofertar. E semella que non imos ter, pois por arre ou por xo, a Xunta non ten plans de creación de tal solo no noso concello. Por outra parte a Xunta non garante fondos para manter os servizos municipais que verán recortados o seus fondos ao reducirse os ingresos vía IBI, IAE e ICIO. Está claro que para a Xunta e o PP da Pobra as empresas instálanse como un favor ao concello onde se ubican e non por interese propio. Aprobouse cos votos de PP, NP e PSOE. O BNG abstívose.
A terceira moción do PP, última das atrasadas de novembro, solicitaba a reparación de beirarrúas, rúas peonís e prazas. Aprobouse por unanimidade.
E non deu máis de si o tempo. Quedan para febreiro as mocións xa sinaladas ao comezo deste resumo.