O BNG CONSEGUE QUE POR FIN SE INVISTA NA RIBEIRIÑA.

Resumos dos plenos de novembro 2018

casadoconcelloapobradocaraminal
Resumos dos plenos de novembro 2018

Este mes celebráronse tres plenos en menos de 15 días. O motivo do primeiro, extraordinario, foi que se esgotaba o prazo  legal para aprobar o investimento do remanente de tesourería do 2017 en obras; senón habería que destinalo ao pago de débeda.

O remanente de tesourería definitivo coñecíase desde xullo, aínda que desde marzo xa se tiña unha idea moi aproximada de cal sería. Por iso o BNG presentou unha moción ao pleno de xuño na que propoñía unha serie de obras a cargo dese superávit (actuación integral na Ribeiriña-Conchido, melloras na seguridade viaria e accesibilidade na rúa San Roque e Adro do Caramiñal, dotación dun parque infantil cuberto, creación dun Punto de Encontro Familiar, arranxo e acondicionamento da pista deportiva da antiga escola da Ponte Barbanza, arranxo e melloras no Polideportivo de Venecia, dotación dunha pista deportiva na explanada da antiga fábrica da Onza de Oro). Non foi do agrado do goberno municipal, que votou en contra. Tendo en conta o abandono e a degradación da zona,  volvemos reclamar no pleno de setembro, outra vez, unha actuación integral na Ribeiriña e o Conchido empregando cartos do remanente de 2017. Esta vez aprobouse por unanimidade.

Pero o goberno agardou a novembro e convocou dúas reunións, tarde, mal e arrastro, coma sempre. A esas reunións asistiu o BNG coa proposta levada ao pleno e aprobada por unanimidade en varias ocasións, a reforma integral da Ribeiriña e o Conchido. Mais non se incluíu no proxecto que foi a pleno, por iso o BNG abstívose na votación. O PP votou en contra e a proposta do goberno municipal de NP non se aprobou.

Había outros dous puntos nesta sesión extraordinaria: autorización dun préstamo de 372.293 euros para financiar varias obras, aprobado por unanimidade, e modificación das ordenanzas números 7 e 21, é dicir, autorizar a suba do recibo da auga. Aquí votaron a favor NP e PP; BNG e PSOE votaron en contra.

O fracaso do goberno municipal na proposta do remanente levounos a un novo pleno, extraordinario e urxente, no que NP presentou unha nova proposta de investimento do superávit que, esta vez si, contemplaba unha primeira fase na reforma integral da Ribeiriña e Conchido. Esta vez o BNG votou a favor e, por fin, despois de varios mandatos, veremos investimentos nunha zona degradada vítima do abandono municipal. De verdade era necesario chegar a esta aprobación in extremis? Houbo tempo e tempo para chegar a un acordo, pero o goberno municipal non dá aprendido a arte do diálogo. E non nos estrañaría ver repetida esta situación cos proxectos para o plan anual da Deputación. O prazo remata o 20 de decembro...

O pleno ordinario, último desta serie de tres, incluíu por parte do goberno, a acta do ordinario de xuño, a aprobación da conta xeral de 2017 e unha modificación nas bases reguladoras de axuda de emerxencia social. A conta xeral chegou fóra de prazo, coma sempre. O BNG criticou a falta de investimentos, menos que en 2016, só algo máis de 300.000 euros, dinámica que se repite ano tras ano, creando un superávit por neglixencia, nun círculo vicioso que provoca que cada ano sexan máis as obras que quedan sen realizar. Aínda así, sabendo que a conta xeral non é máis que un documento contable que recolle ingresos e gastos realizados para o seu envío ao tribunal de contas, sen o cal o concello non podería optar a subvencións ou cretos, o BNG votou a favor, igual que NP; PP e PSOE abstivéronse. A modificación das bases reguladoras, para substituír a cantidade máxima das axudas para infravivendas foi aprobada por unanimidade.

Das tres mocións presentadas polo BNG, a que demandaba cambios estruturais para a prevención e tratamento da violencia de xénero foi aprobada por unanimidade. Tamén o foron  as presentadas por PP e PSOE, partidos que teñen na súa man efectuar os cambios imprescindíbeis nas institucións e aportar os cartos necesarios para financiar desde os concellos a acción municipal. Non sabemos a que esperan.

A moción sobre o sector eléctrico, que incluía medidas para compensar aos galegos e galegas polos efectos da produción e abaratar o recibo da luz foi aprobada cos votos a favor de BNG e NP, e rexeitada polo PSOE e PP por ser nacionalista (vaia argumento!).

A terceira, sobre a conservación do noso patrimonio, centrada neste caso nos cruceiros do Cristo do Pichón e do Conchido e nas naves dos Areos, aprobouse cos votos de BNG, NP e PSOE. O PP sempre se manifestou contrario á conservación das naves polo que votou en contra.

Ademais da do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o PSOE presentou outra reclamando o arranxo con zahorra do camiño que vai da praia da Corna á Illa. O BNG votou en contra porque entendemos que calquera arranxo debe ir supeditado a unha reforma da zona que prime a rexeneración e protección. Mais a proposta foi aprobada cos votos de PSOE, PP e NP.

Do PP había outras dúas mocións, unha relativa á celebración do 40º aniversario da Constitución, que se aprobou cos votos de PP, PSOE e NP e en contra do BNG, que considera que non hai nada que celebrar. Outra sobre sinalización de prazas de aparcadoiro para coches con recentemente nacidas/os aprobada por unanimidade.

E así foi novembro, cun empacho de plenos innecesario por deixar todo para o último momento. O goberno municipal non leva propostas de investimento aos plenos ordinarios e despois andamos a fumen de carozo para resolver en 10 días o que podía estar resolto desde hai meses. E moito nos tememos que isto non vai cambiar.

Resumos dos plenos de novembro 2018