Solicitude de retirada dos postes da rúa Bernardo
A utilización do espazo público e privado polas compañías de servizos, nomeadamente as de subministración eléctrica e as de telecomunicacións, adoitan ter un carácter absolutamente abusivo, perforando sen autorización as fachadas dos edificios na zona urbana ou ocupando como árbores non desexadas as leiras e hortas privadas no rural. Donos e señores usufrutuarios das propiedades alleas, teñen comportamentos de explotadores de manual, de parasitos aproveitados.
Así son os casos, repetidos unha e outra vez, de postes que instalados orixinalmente dun xeito que aínda que semelle anárquico obedece á lei do menor investimento e esforzo por parte das devanditas operadoras, aparecen por obra e graza da mellora das vías de comunicación no medio das novas estradas ou rúas.
Abondosos exemplos temos no noso concello. Algúns herdanza de gobernos pasados, como os postes na rúa que vai dende o alto do Campiño á Mirandela. Outros xerados neste mandato, como o caso da rúa entre Roupión e A Banda ou na rúa Bernardo.
Este grupo municipal presentou en abril de 2017 unha moción relativa á retirada dos postes situados dentro das vías públicas na que se denunciaba a “prepotencia e a desidia das compañías eléctricas que mentres espolian as persoas consumidoras non realizan o mantemento nin as obras necesarias no tendido para garantir a seguridade ao tempo que fan un uso fraudulento do terreo público para fins privados” e se facía un breve reconto dos casos entón presentes, que non incluían os tres postes da rúa Bernardo.
A moción, aprobada por unanimidade, incluía os seguintes acordos:
1.- O goberno municipal desenvolverá todas as actuacións precisas para lograr a retirada das vías públicas do noso concello dos postes de distribución de electricidade ou outros de natureza semellante.
2.- Mentres isto non suceda, sinalizará de forma adecuada os postes situados dentro das vías públicas para evitar situacións de risco e perigo garantindo a seguridade viaria.
Por todo o exposto, este concelleiro, en representación do G.M. do Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas, solicita que o goberno municipal facilite a este grupo evidencia documental das xestións realizadas diante das operadoras propietarias dos postes que afectan ó tránsito e á seguridade viaria no noso concello, e que inclúa os postes da rúa Bernardo nas xestións que leve a cabo no futuro, de xeito que sexan retirados urxentemente.