O Torneo solidario de fútbol base tamén ten que emigrar
O BNG vén de rexistrar unha pregunta ao goberno municipal sobre a non celebración na Pobra do Torneo solidario de fútbol base
Os días 26 e 27 de maio pasado celebrouse na Pobra do Caramiñal un Torneo Internacional de fútbol solidario, categorías alevín e benxamín, organizado de xeito privado pero que contou coa colaboración de máis de 120 empresas e asociacións como o Centro Comercial O Deán, a Asociación de empresarios ou a Agrupación de empresarios do polígono industrial da Tomada. O Concello da Pobra tamén foi partícipe desta actividade que recibiu as louvanzas da Concelleira de Cultura, Deporte, Medio Ambiente e Educación, Dona Genoveva Hermo Santos.
A intención era recadar fondos para ser entregados a unha asociación de recoñecida labor no eido social, sendo escollida neste caso a Asociación Española Contra o Cancro, á que se doaron os 6.000€ obtidos.
O Torneo tivo ampla repercusión nos medios de comunicación e mesmo a TVG o recolleu nos seus programas deportivos, cualificando algún daqueles goles como o mellor da tempada. Participaron 55 clubs e calculáronse en 3.000 as persoas que acudiron á Pobra por tal motivo.
Apenas dous meses despois da celebración do evento, os organizadores dirixíronse ao goberno local coa intención de asegurar canto antes as datas nas que desexan celebrar a segunda edición, isto é, o 18 e 19 de maio de 2019.
Era a única información que solicitaban co ánimo de poder comprometer aos mellores equipos, adiantándolles as xornadas nas que se ía levar a cabo a competición e, ao tempo, evitar as urxencias da primeira edición.
Diante do silencio do goberno municipal, os organizadores decidiron estudar a posibilidade de realizar o evento noutro concello, recibindo a inmediata resposta afirmativa do goberno municipal de Rianxo, onde os organizadores están recibindo o total apoio non só da administración local mais tamén dos sectores hostaleiro, comercial e empresarial.
O traslado do torneo, forzado polo desleixo do goberno que vostede preside, está a causar fonda frustración entre a cidadanía da Pobra e moi especialmente nos sectores hostaleiro e comercial.
Por todo o exposto, este concelleiro, en representación do G.M. do Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas, presenta as seguintes preguntas para a súa contestación escrita urxente.
PREGUNTAS.
1. Recibiu o goberno municipal a petición de reserva de uso do Campo da Alta nas datas do 17, 18 e 19 de maio de 2019 por parte dos organizadores do devandito torneo internacional de fútbol solidario?
2. En caso afirmativo, por que non se contestaron nin as peticións da organización nin as dalgunha asociación que apoia o evento?
3. É consciente o goberno municipal que vostede preside do descrédito e das perdas económicas que tal silencio e o conseguinte traslado desta competición significa para A Pobra do Caramiñal?