OUTRA MIRADA

Unha visión "interior" da Pobra vista por alguén de fóra.

casa da cadea

Unha revisión á xestión do patrimonio da Pobra dende a tripla versión da Conservación e Recuperación; a Divulgación e a Investigación; e a Rendibilidade.

Unha visión "interior" da Pobra vista por alguén de fóra.

Tres son os motivos que me levan a escribir estas liñas co obxecto de dar a coñecer a riqueza patrimonial do concello da Pobra do Caramiñal, tres os obxectivos que calquera organización política que se sentise ao servizo da veciñanza deste municipio, e con Galiza por bandeira, debera contemplar dende a óptica dos bens culturais.

  1. CONSERVAR E RECUPERAR

Un primeiro obxectivo xorde do labor obvio de conservar todos aqueles testemuños arquitectónicos, arqueolóxicos, urbanísticos e paisaxísticos do municipio, reparando erros cometidos en etapas pasadas pero tamén aprendendo a non incorrer nos mesmos en tempos como os actuais. Porque é preciso botar man dun edificio coma a Torre dos Valle-Bermúdez (monumento “nacional”, museo e Ben de Interese Cultural) para rescatar a súa verdadeira faciana: eliminar humidades e filtracións, limpeza de cubertas e restauración da torre; alén de lle restituír a legalidade no que atinxe aos peches perimetrais. Por iso resulta fundamental escoitar os técnicos do concello pois eles resultan ser, na maioría dos casos, os mellores e maiores coñecedores. Con respecto a este inmoble tamén é mester enxergar a posibilidade de ampliar as súas instalacións, pois máis das tres cuartas partes dos seus fondos non poden ser expostos por falta de espazo.

Lamentábel é o estado no que se atopan outros dous edificios significativos da historia e patrimonio pobrense. Un deles é a Casa da Cadea, lugar no que se albergaron as antigas prisións xurisdicionais do Caramiñal e incluso o primeiro concello. Pois amais de ser restaurado e posto en valor, o máis axiña posíbel, debería erguerse habilitado para funcións vinculadas coa administración local. Unha delas podería ser a de trasladar cara a este edificio o arquivo municipal, para así seren conservados os seus fondos e incluso consultados con facilidade. Consecuencia disto, e dotado o edificio cunha sala de consulta para particulares e/ou investigadores, favorecería os estudos na historia local. Así e todo tampouco resulta desacertada  a intención de trasladar cara a alí o corpo da garda civil ou da policía local, continuando este inmoble con funcións semellantes ás que xa lle veñen de vello.

Outro dos edificios a ter moi presentes e do que queremos facer especial mención é o Hospitaliño, xa que ninguén debera discutir o relevante que resultaría conservar un inmoble desta índole localizado ao pé dunha ría, como a da Arousa, nun contexto que ten que ver coas peregrinacións e o feito xacobeo. Quizais vese idóneo observalo dende o seu contexto primixenio pois, alén de ser restaurado e habilitado, tería a posibilidade de servir para funcións vinculadas ao turismo, a albergar exposicións temporais de autoras e autores concretos ou aquelas promovidas pola administración local ou institucións varias... Factíbel tamén é vencellalo coa súa antiga función asistencial, pois alén do nexo que posúe coas peregrinacións (por certo, o 2021 é ano Xacobeo), tamén está engarzado coa dispensa de auxilios corporais. Velaí unha outra posibilidade: configurarse como centro de servizos sociais do municipio.

hospitaliño

Após diso non nos debemos esquecer que patrimonio non só existe na vila, senón en todos os núcleos rurais. Por iso cómpre pór a vista tanto en elementos etnográficos –hórreos e cruceiros, etc.– como en edificios singulares. No que atinxe ás cruces de pedra, ás cruces procesionais e aos cruceiros –que no neste concello superan as dúas ducias– é  preciso limpalos (cos métodos idóneos e autorizados), retirarlles as silveiras e outras plantas arbustivas que poidan implicar un manifesto deterioro do elemento patrimonial... Non fai falla recorda que resulta moito máis custoso restaurar que manter periodicamente tales testemuños etnográficos e antropolóxicos. Alén diso, non esquezamos as fontes e os lavadoiros, elementos e inmobles vinculados a costumes e usos –como o dereito humano a acceder á auga– que debemos velar por eles.

  1. DIVULGAR E INVESTIGAR

Para avanzar na conservación do patrimonio e, paralelamente educar dende ese concepto, cómpre botar man de dous aspectos importantes: a investigación (por parte de historiadores), promovida ou apoiada pola administración pública ou libremente desenvolvida por particulares ou interesados; e a divulgación non só desas análises e estudos, senón tamén da posta en valor do patrimonio ou elementos rescatados da ruína. Pero dentro da investigación hai que ter igualmente presente o patrimonio inmaterial, e cando falamos diso queremos entender non só os costumes, as tradicións e a antropoloxía característica da Pobra (e por extensión de Galiza), senón tamén un feito patrimonial na actualidade en perigo de extinción: a toponimia, pola que están sensibilizados certos colectivos sociais, particulares e institucións publicas –Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Instituto Galego da Lingua...

Evidentemente, e volvemos facer fincapé no mesmo, para conseguir isto é precisa a información que nos facilitan os técnicos municipais, en tantas ocasións verdadeiros custodios da memoria e do patrimonio. Dentro deste contexto hai que entender que os bens culturais dos pobrenses tamén afectan ao mundo literario, polo que hai que ser rotundamente impulsores daquelas investigacións que difundan as obras das nosas autoras e autores, clásicos e incluso noveis, voces como as de Ramón Otero Pedrayo, Victoriano García Martí e Anxo Rei Ballesteros... E ter en conta, outrosí, a produción de artistas plásticos do municipio que se configuran, ademais, como continuadores desa cultura material que nos liga –coma un cordón umbilical– a un pasado e a unha identidade.

  1. RENDIBILIDADE

E con todo isto, de sabermos construír en positivo, sendo sempre ben asesorados, coa tendida cara ao potencial humano que existe no concello, entenderemos que a cultura propia e característica do municipio podería ser rendíbel en distintos eidos, entre os que está evidentemente a hostalaría, pero tamén o turismo (nacional e internacional) e a economía local. A Pobra debe conquistar o espazo que lle é de seu dentro da cultura galega, no que atinxe aos seus costumes, as súas tradicións e ao seu urbanismo... Urbanismo que tería de ser respectado e conservado co maior dos celos posíbeis, pondo freo a aquilo que fomente a especulación ou rexeite a perennidade do que é propio e característico dunha vila mariñeira decorada, velaí está a fachenda, con elementos arquitectónicos únicos dentro do panorama nacional galego...

 

Héitor Picallo

Unha visión "interior" da Pobra vista por alguén de fóra.