Comunicado da Executiva Nacional a respecto do Día da Patria Galega 2018
Prezada compañeira:
Prezado compañeiro:
Queremos dirixirnos, desde a Executiva Nacional do BNG, a toda a militancia e simpatizantes do BNG para trasladar a seguinte valoración a respecto do Día da Patria Galega:
1. A manifestación convocada polo BNG o 25 de xullo foi un rotundo éxito de participación. Mesmo foi fisicamente imposíbel que unha praza da Quintana ateigada fose quen de absorber todo o corpo da manifestación. Saudamos especialmente unha presenza xuvenil masiva, que encheu de alegría, de futuro e entusiasmo patriótico esta mobilización.
2. A Executiva Nacional do BNG agradece e recoñece o intenso traballo desenvolvido en todas as comarcas da nación e na emigración para a consecución deste obxectivo. O noso recoñecemento especial para Galiza Nova, polo inxente esforzo realizado na campaña previa, coincidente tamén co 30º aniversario da organización xuvenil. Parabéns.
3. En canto á lectura política, a manifestación do BNG converteuse tamén na expresión máis evidente da existencia da Galiza como nación que reivindica a súa soberanía coas súas propias forzas, sen tutelaxes nin submisións. Son xa 50 anos de reivindicación patriótica que celebramos e sintetizamos na publicación que anexamos a esta comunicación.
4. Queremos trasladar o noso recoñecemento máis sincero aos milleiros de compañeiras e compañeiros que traballaron, convenceron e se desprazaron a Compostela desde as súas localidades. E moi especialmente a todos aquel@s que tiveron un papel absolutamente chave para facer posíbel o Festigal e a manifestación: no servizo de orde, na montaxe e desmontaxe, na atención de postos e barras do Festigal, no servizo de seguranza, na asistencia sanitaria, na limpeza do recinto, na organización e planificación, en todo tipo de traballos. Reiterámolo máis unha vez: énchenos de orgullo partillar unha organización con tal mostra de esforzo e compromiso militante.Afirmamos que non existe na Galiza organización política con esta capacidade organizativa e mobilizadora, derivada dunha militancia entregada á causa nacionalista.
5. Con todo, lamentamos os evidentes incumprimentos do servizo de limpeza, baixo responsabilidade do Concello de Santiago de Compostela, que afectaron o normal desenvolvemento da xornada do 25 de xullo. Consideramos o noso deber aclarar que o espazo do recinto baixo responsabilidade do Festigal se mantivo limpo e despexado, grazas ao propio operativo militante. Infelizmente non foi esa a actitude do concello nos espazos baixo a súa responsabilidade, e por razóns completamente alleas á nosa programación. Nunca isto acontecera na historia do Festigal. O BNG xa ten reclamado explicacións públicas polo ocorrido ao goberno municipal.
6. Finalmente, e como conclusión, o Día da Patria Galega demostrou que existe un considerábel potencial para o avance da alternativa nacionalista na Galiza, así como unha importante corrente de simpatía, singularmente na mocidade, para unha organización nacionalista coherente, unida e cohesionada como o BNG. Parabéns polo traballo, determinación no noso camiño, e confianza no noso pobo.
Por último, convidámosche a descargar a publicación especial polo 50 aniversario da recuperación do Día da Patria Galega. Podes facelo desde a seguinte ligazón.
©bng.gal