MOCIÓN relativa a transmitir o apoio á folga mundial de reivindicación feminista do 8 de marzo

28056649_1798433167125776_7138644777308243426_n

Presentada para debate no Pleno Ordinario de febreiro de 2018.

Votos a favor de BNG, PSOE e NP. O PP votou en contra.

MOCIÓN relativa a transmitir o apoio á folga mundial de reivindicación feminista do 8 de marzo

A folga feminista do 8 de marzo pretende ser unha chamada de atención, dende o ámbito local máis próximo ao internacional, sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.

A fenda salarial en Galiza é do 23% (, pois mentres o salario medio anual dos homes estímase en 20.243 euros, o das mulleres só chega aos 15.730 euros, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e das pensións. En A Pobra do Caramiñal hai 384 mulleres rexistradas no paro e 265 homes, segundo os últimos datos da Xunta (decembro de 2017), o que representa unha porcentaxe do 18% superior de desemprego por razón de sexo, dato que resulta incomprensible nunha localidade onde abundan as conserveiras cunha altísima taxa de emprego feminizado. Máis aínda, no laboral as mulleres galegas sofren a inexistencia dun marco de relacións laborais galego que axude a negociar melloras para os traballos feminizados, como o citado da conserva, ademais de sufrir as consecuencias das reformas laborais do goberno central, lesivas para a clase obreira, e a desatención de Xunta e Estado ao fomento de políticas activas contra a discriminación laboral sobre as mulleres. Por outra banda, ao tempo que cobran menos de media e sofren máis precariedade, no ámbito do consumo foméntase que as mulleres teñan que adquirir produtos máis caros que aplican a denominada “taxa rosa” cando están dirixidos ao mercado feminino, ademais de gravar os produtos básicos de hixiene cun 21% de IVE.

Por causa do sistema patriarcal e da realidade socioeconómica, as mulleres sofren máis atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, para o que se fai necesario mudar ideas, comportamentos e mesmo leis para poder garantir a igualdade de dereitos e de oportunidades. Tampouco se recoñecen as tarefas domésticas e de coidado familiar, por iso esta convocatoria tamén pretende chamar a atención sobre os coidados e as tarefas. Durante a crise, esta situación agravouse e o deterioro dos servizos públicos agrava unha desigualdade que, superado o ciclo económico da recesión, busca consolidarse. Desta forma, os datos demostran que son maioritariamente as mulleres as que optan por xornadas parciais ou excedencias para coidar crianzas e maiores, moi por riba da poboación masculina. No caso das excedencias, por exemplo, no 2017 foron solicitadas por mulleres 1.078 fronte a 132 pedidas por parte de homes.

A convocatoria do 8 de marzo aspira a ser transversal para mudar, dende o cotián, o sistema articulado baixo as ordes do patriarcado, do capitalismo, do racismo, da emigración e da depredación ambiental. Por estes motivos, esta folga pretende incidir no ámbito laboral, de coidados, estudantil e de consumo.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG propón á Corporación a adopción dos seguintes

ACORDOS:

  1. O Concello de A Pobra do Caramiñal apoiará a convocatoria da folga de mulleres prevista para o 8 de marzo de 2018 no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias.
  2. O Concello de A Pobra do Caramiñal realizará un chamado a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego e a secundar a manifestación nacional unitaria.
MOCIÓN relativa a transmitir o apoio á folga mundial de reivindicación feminista do 8 de marzo