Resumo do Pleno Ordinario de febreiro de 2018

casadoconcelloapobradocaraminal
casadoconcelloapobradocaraminal

SON OS REGULAMENTOS A SOLUCIÓN?

Resumo do Pleno Ordinario de febreiro de 2018

O Pleno recollía cinco propostas do goberno municipal, incluíndo as actas do ordinario de novembro e o extraordinario e urxente do 18 de decembro, tres mocións de xaneiro, unha do BNG e dúas do PP, e nove deste mes, tres por cada grupo, das que só se viron dúas, unha do BNG e outra do PSOE.

A moción (atrasada) do BNG contra a subida escandalosa e inxustificada das peaxes na AP 9 foi aprobada cos votos do BNG, NP e PSOE. O PP, sempre disposto a defender os intereses das grandes empresas fronte aos da cidadanía, apoiou os elevados beneficios que recada cada ano a empresa concesionaria e non o sobreprezo que terán que pagar os usuarios, e votou en contra.

A nosa moción correspondente a febreiro solicitaba o apoio da corporación á folga mundial das mulleres e demais mobilizacións que os colectivos feministas convocaron para o 8 de marzo en Galicia (e en 57 países) para esixir a igualdade salarial, laboral e social das mulleres, igualdade que os datos demostran que non só non mellora senón que retrocede (como exemplo, a fenda salarial en Galicia foi do 22,1 en 2016 e do 22,3 en 2017). Aprobouse cos votos de BNG, NP e PSOE. O PP non fixo caso dos millóns de razóns (tantos como mulleres) que hai para apoiar unha mobilización tan xusta e necesaria, e votou en contra.

Aprobouse o prezo público pola asistencia aos cursos de monitor de tempo libre que o goberno quere impartir. A proposta da alcaldía contaba coa posibilidade de xerar un déficit que á oposición nos parecía elevado e innecesario, tendo en conta que non ten unha finalidade intrinsecamente social. Finalmente acordouse modificar o prezo para evitar o posíbel déficit e aprobouse por unanimidade.

A proposta do goberno dunha ordenanza sobre a protección, a tenza, e a venda de animais só contou cos votos de NP, pois BNG, PSOE e PP abstivémonos. O PP facendo un extraordinario exercicio de hipocrisía, pois criticou na ordenanza artigos que proceden da lei aprobada en solitario polo seu partido no Parlamento de Galiza. É unha aprobación inicial que se someterá a información pública por un prazo de trinta días a contar dende a súa publicación no BOP, no taboleiro de anuncios e na web do Concello. Durante ese prazo cidadanía e asociacións interesadas poden presentar propostas e achegas. O BNG estudará a ordenanza e a pertinencia de presentar alegacións.

Relacionada co punto anterior, o goberno presentou unha proposta da concelleira de educación instando á Xunta de Galiza a dotar economicamente aos concellos para poder levar a cabo as esixencias da lei. Votamos a favor BNG, PSOE e NP. O PP volveu absterse.

Por último o goberno propuxo a adhesión do Concello ao Acordo Marco para o subministro de electricidade da central de contratación da FEMP (Federación Española de Municipios). Aínda que se trata dun acordo vantaxoso o BNG abstívose porque non houbo unha análise comparativa nin se valoraron propostas alternativas. O BNG considera que non debe ser só o aforro o único argumento, pois tamén hai que valorar a procedencia da enerxía consumida, o apoio ás enerxías renovábeis e a sustentabilidade das empresas. O argumento do Alcalde de que  o acordo non obriga a cambiar de empresa subministradora é para o BNG totalmente negativo. Aprobouse cos votos de NP, PSOE e PP (aquí si, que a empresa é “amiga”).

Das dúas mocións atrasadas do PP, unha era a respecto do roubo en dependencias municipais por parte da persoa acollida na antiga escola unitaria do Camiño Ancho. A conclusión que puidemos sacar é a de que as boas intencións non son suficientes para resolver un problema. Neste caso, como advertiu desde o principio o BNG, o problema abordouse mal e resolveuse peor. Cómpre dotarse dunha normativa e un protocolo de actuación, ademais dos recursos materiais e humanos adecuados antes de poñerse a arranxar o mundo. O goberno de NP, que segue empeñado en non asumir as súas responsabilidades,  non avanzou nada neste aspecto, polo que non sería raro volver a atoparnos con circunstancias similares. De feito o portavoz do PP sorprendeunos coa información de que hai unha persoa vivindo nas instalacións de Protección Civil, que o goberno non negou.A moción foi aprobada cos votos de PP e PSOE, NP votou en contra e o BNG abstívose, porque sendo certo que non concordamos coa maneira de actuar do goberno municipal, o acordo da reprobación do alcalde non aporta ningunha solución. A outra moción do PP pedía o apoio da corporación á prisión permanente revisábel. O BNG votou en contra porque, comprendendo o dolor das familias que neste momento están pedindo sinaturas ao respecto, consideramos que o código penal non debe dar cabida á vinganza, que non é un dereito democrático, e que este tipo de condena non evita nin reduce a comisión de delitos. España conta cun sistema penal dos máis duros de Europa e cun dos índices de criminalidade menores. Fronte a isto temos o exemplo de países como Estados Unidos, cun elevadísimo índice de criminalidade a pesar de contar con penas como a cadea perpetua ou a pena de morte. Estes feitos demostran que a prisión permanente revisábel non é a solución. Tamén o PSOE votou en contra. A moción aprobouse cos votos favorábeis do PP e a abstención de NP, que non quixo “mollarse”.

Por último debateuse unha moción do PSOE para dar solución aos problemas que teñen os veciños do edificio Manuel Escurís. Asistiron ao pleno os veciños e veciñas, pero non puideron intervir por non telo solicitado en tempo e forma. Aínda que a concelleira do PSOE solicitou que se lle dese a palabra o alcalde negouse. A veciñanza ten o convencemento de que hai unha fuga de auga nas canalizacións ou derivada delas que produce asolagamentos e humidades nos seus garaxes pero a empresa concesionaria non o admite. O BNG laiouse de que sexa necesario traer ao pleno unha moción para que o goberno de NP atendas reclamacións de veciños que teñen máis de seis meses. Aprobouse por unanimidade que o goberno municipal manteña unha reunión cos veciños e veciñas no prazo dunha semana (algo que levan esperando 6 meses sen telo conseguido ata agora, a golpe de moción) e que solicitará os informes necesarios para determinar a orixe das filtracións e resolvelas.

Acabouse o tempo e quedan no peto sete mocións. A este paso será preciso convocar un pleno extraordinario para sacar de diante dunha vez todos os asuntos atrasados.

Resumo do Pleno Ordinario de febreiro de 2018