25 de novembro, nin unha menos

segunda foto
segunda foto

O 25 de novembro foi a data escollida pola ONU no 1999 para conmemorar o “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller”. 

25 de novembro, nin unha menos

O 25 de novembro foi a data escollida pola ONU no 1999 para conmemorar o “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller”. Elixiuse esa data porque un 25 de novembro foran asasinadas as irmás Mirabal, activistas dominicanas, seguindo as ordes do ditador Trujillo.

Como vemos, é ben recente esta conmemoración, este ano alcanza a maioría de idade, apenas 18 anos, a pesar de que a violencia exercida contra as mulleres por parte dos homes como exercicio de dominación, polo simple feito de ser mulleres, é a máxima expresión dunha desigualdade que as feministas vimos denunciando desde que o feminismo existe.

É tan recente esta conmemoración que moitas persoas aínda non interiorizaron o significado da expresión “violencia de xénero” e cren que tanto serve para denominar a violencia exercida contra as mulleres como a exercida polas mulleres contra os homes, nun intento de desvirtuar a existencia da violencia machista. Eu propoño unha analoxía (algo demagóxica, si, mais efectiva): a alguén lle cabe na cabeza considerar pederastia tanto os abusos dunha persoa adulta a unha menor como os dunha menor a unha adulta? Seguro que todos e todas temos interiorizado que é imposible que un neno ou nena abuse sexualmente dunha persoa adulta, mais nos custa moito interiorizar que a violencia de xénero só pode ser exercida contra as mulleres, de aí que sexa necesario abandonar ese vocabulario aséptico, inocuo e chamar ás cousas polo seu nome: violencia machista, feminicidio.

Será moi difícil combater esta violencia se comezamos por cuestionala. Así que para poder facelo teremos que comezar por concienciar e ensinar a recoñecela e rexeitala para poder eliminala. E este é un labor perfectamente asumíbel desde os concellos en colaboración cos centros educativos, sempre receptivos e colaboradores, por iso o BNG leva anos presentando iniciativas no pleno da corporación, aprobadas todas por unanimidade, neste sentido.

Tamén desde os concellos é factible coordinar accións para a protección e acompañamento das vítimas. Para isto cómpre establecer protocolos que inclúan a formación en feminismo, si, feminismo, ese concepto tan deostado nos últimos tempos pola sociedade patriarcal que non dubida en empregar todos os recursos necesarios para manter os privilexios do home, comezando por desprestixiar e desprezar aqueles grupos sociais que loitan pola igualdade. Non queren entender que a consecución da igualdade real entre homes e mulleres é o camiño para  que todos e todas melloremos, para conseguir unha sociedade máis xusta e uns individuos, homes ou mulleres, máis felices. Pois ben, para acompañar as vítimas na súa saída do túnel é imprescindíbel comprender as súas circunstancias, os seus medos, os perigos que corren. Non podemos esgrimir continuamente a ladaíña de que denuncien e logo sometelas a un calvario de interrogatorios, cuestionamentos, incertidumes...  Tamén con respecto a isto está moi estendido o prexuízo, machista, desde logo, de que as denuncias falsas desbordan os xulgados: rotundamente falso, segundo a Fiscalía só o 0.02% das denuncias é falso, isto é,  2 de cada 10.000.

Como dicía, desde os concellos pódense aportar recursos, materiais e humanos, para a protección e  acompañamento das vítimas. E tamén neste sentido o BNG presentou propostas todos estes anos, a última para o pleno de outubro, demandando unha análise das necesidades e un protocolo coordinado de actuación no que se inclúan medidas e persoal formado para atender debidamente as demandas.

O 25 de novembro é unha data para conmemorar e homenaxear as vítimas, mais non podemos parar aquí. É unha obriga para todas as persoas que nos dedicamos á política traballar os 365 días do ano pola igualdade e pola eliminación da violencia machista en todos os seus ámbitos e extensión, sen limitarnos á violencia dentro da parella. E para isto fan falta cartos, para mellorar e ampliar os recursos existentes (escasos e ás veces mal administrados e demasiado burocratizados), para rematar coa violencia institucional que ás veces se exerce sobre as vítimas por falta de sensibilidade, de persoal ben formado e de protocolos pensados para non agredir unha vez máis a quen xa foi agredida. Por iso o BNG propón no Parlamento que se destine o 1% do orzamento da Xunta  á prevención e tratamento da violencia machista. Sería un paso moi importante e necesario para avanzar na eliminación deste terrorismo que nos ameaza a todas as mulleres.

Desde logo, o que se demostra imprescindíbel ante as cifras, é un compromiso máis firme por parte das institucións e da sociedade civil. Cómpre ir máis alá das palabras de recoñecemento e emprender accións efectivas para rematar dunha vez por todas con este terrorismo que atenaza nin máis nin menos que á metade da sociedade. Poñamos todos e todas o noso gran de area.

25 de novembro, nin unha menos