A XUNTA E PORTOS DE GALIZA CONTRA O PORTO DA POBRA

Interpelación á Mesa do Parlamento sobre a concesión dunha área do porto da Pobra para a estiba permanente de contedores

ACTIVIDADE
Interpelación do GP do BNG relativa á concesión no peirao da Pobra  por parte de Portos de Galiza dunha importante zona a unha empresa que reduce significativamente a área de traballo no mesmo
Interpelación á Mesa do Parlamento sobre a concesión dunha área do porto da Pobra para a estiba permanente de contedores

O porto da Pobra do Caramiñal ten, dende a súa posta en marcha, un papel moi importante na economía non só do municipio senón tamén da comarca, pois nel se descarga gran parte dos túnidos demandados e manipulados polas firmas transformadoras ubicadas na Barbanza, e tamén fóra. Empresas como Jealsa, Escurís, Actemsa, Albacora, Salica, Congalsa, Frinsa ou Alicrusa basean a súa fortaleza empresarial na proximidade e eficacia das instalacións da Pobra.

Non é sinxelo aportar cifras, pois a web de Portos de Galiza só informa dos datos do período 2010 a 2013. Nese cuadrienio as descargas de túnidos na Pobra do Caramiñal pasaron de 86.789TM a 110.024TM. E si atendemos as cifras dadas por medios informativos do sector, no 2015 superáronse as 114.000MT e o 2018 foi posiblemente un ano de récord.

Os números agora manexados son de difícil superación, pois para melloralos sería preciso acurtar o período de descarga dos buques, ou sexa, o número de días de estadía dos barcos en porto, que en algún medio se calcula en vinte ou vinte dous días. Este tapón pode ter unha dupla orixe: a capacidade de transformación das industrias conserveiras e a de almacenamento do peixe conxelado.

Para incidir na primeira é preciso saber se as empresas teñen marxe para incrementar os seus niveis de produción máis tamén os de venta, de captación de novos e máis amplos mercados. A segunda, o almacenamento, ten, a priori,  un tratamento máis doado: construír novas instalacións dunha forma rápida, económica e eficiente.

ALICRUSA, é unha empresa ubicada no polígono industrial da Tomada (A Pobra do Caramiñal) adicada ao almacenamento frigorífico de túnidos (din dispor de 30.000 metros cúbicos) e a elaboración de pratos precociñados (baixo a marca Pescasana – Cocinoyo) e tamén á produción de marca branca, que no ano 2018 obtivo da Xunta de Galiza unha axuda de 930.000 euros para a optimización dos seus procesos e sistemas de xestión no tratamento de túnidos.

Solicita a concesión dunha área de 110 x 15 metros (1.650 metros cadrados) na explanada do peirao comercial da Pobra do Caramiñal, co obxectivo de almacenar en tal superficie un máximo de 84 contedores de corenta pés (40’), agrupados en bloques de 3 (base) x 4 (altura). Estes contedores teñen a seguintes dimensións exteriores: 12,19m x 2,44m x 2,59m – largo x ancho x alto.

A máis tamén solicita a instalación de dúas estruturas metálicas de 8,70 metros de altura para o acceso aos contedores e outra serie de equipos e maquinaria conexas á instalación.

A instalación solicitada reduciría enormemente a área de traballo e tránsito do porto da Pobra do Caramiñal, na que se moven ao mesmo tempo camións, coches privados, contedores e traballadores, dificultando o movemento de vehículos e persoas e incrementando, sen dúbida, a posibilidade de accidentes con risco para as persoas que alí traballan.

Compre destacar que no mesmo lugar e momento poden estar movéndose camións abertos que transportan túnidos, contedores recibindo directamente a carga no seu interior, cintas, aparellos mecánicos e guindastres de gran porte ocupados na descarga, e tamén camións que subministren aos buque combustibles ou descarguen daqueles aceites residuais ou augas sucias. Toda esta actividade, que xa é complicada na actualidade, desenvolveríase nun espazo considerabelmente reducido pola área concedida para almacenamento a ALICRUSA, co que iso implicaría para a seguridade das persoas.

Por outra parte, o porto da Pobra do Caramiñal conta con zonas ociosas, sen utilización práctica ningunha, nomeadamente nas inmediacións do edificio da Lonxa, que poderían acoller un amplo parque de contedores, con moi boas posibilidades de expansión, a menos de cincocentos metros da área solicitada.

Considerados os argumentos expostos, preguntamos:

Que razóns motivan a concesión da área sinalada tendo en conta a restrición de espazo e capacidade de movemento de vehículos e traballadores que iso implicaría?

Valorou Portos de Galicia outras posíbeis ubicacións, como por exemplo os terreos ociosos detrás da lonxa? De ser así, por que se rexeitaron?

Que informes avalan a oportunidade da concesión destes terreos?

Interpelación á Mesa do Parlamento sobre a concesión dunha área do porto da Pobra para a estiba permanente de contedores