OUTRA MIRADA

A Pobra do Caramiñal, un exemplo do que non debe ser

pobra

Nesta sección recollemos opinións de persoas que non pertencen ao BNG da Pobra sobre aspectos da problemática local.

A Pobra do Caramiñal, un exemplo do que non debe ser

Non é necesario facer un minucioso percorrido por este Concello para darnos conta das súas potencialidades e posibilidades en termos de crecemento, benestar e, en resumo, de futuro.

A Pobra do Caramiñal distínguese por unha importante dependencia do sector industrial, con índices superiores á media de Galiza e do Estado español. O dato está aí: as 10 primeiras empresas por número de empregados/as acollen a uns mil operarios/as.

O curioso deste Concello é que perde poboación ano tras ano: actualmente son 9.390 habitantes cando hai 20 anos eran 10.006. Unha perda de máis de 600 habitantes en 20 anos, e o grave é que a dinámica non parece cambiar. Máis ben ao contrario: en 2017 perdéronse 64 veciños/as.

Entón xurde a pregunta lóxica: por que sucede isto? Como un Concello destas características: costeiro, con grande potencialidade turística, con importancia industrial e cunha taxa de paro (11,20%) inferior á media da comarca, de Galiza e de España pode perder habitantes? Neste aspecto é de destacar que é o único Concello de Arousa Norte que perde poboación de xeito significativo.

As causas poden ser variadas, pero fundamentalmente desde o noso punto de vista a principal é un saldo vexetativo negativo: máis falecementos que nacementos, consecuencia dunha emigración en xente nova, que deixan postos de traballo ocupados por traballadores/as procedentes de concellos limítrofes e incluso doutras comarcas, que se gañan a vida nas industrias de conserva e produtos conxelados fundamentalmente, pero que non residen no Concello, nin fan plans para asentarse na Pobra.

download 2

Isto lévanos a pensar que hai “algo que falla” e que esta Vila non é atractiva por algo.  

Isto ben pode ser a consecuencia dunha carencia de políticas que mesmo dentro das limitacións que ten a Administración Local, non se practican.

Por dar un dato: este Concello ten unha chea de vivendas baleiras, que só son ocupadas estacionalmente, moitas delas como segunda vivenda. É necesario pois impulsar políticas de ordenación territorial no ámbito municipal que teñan como obxecto poñer a disposición un parque de vivendas atractivo.

A perda de poboación trae como unha das consecuencias un detrimento na actividade minorista e por conseguinte o debilitamento do comercio local. E isto pasa na Pobra.   

Pero é evidente que non se trata de construír casas por construír, senón de facer unhas políticas enmarcadas nun proxecto integral, con medidas de mellora de determinados servizos públicos, medidas que se botan en falla como a explotación das posibilidades que ten o fermoso casco histórico desde o punto de vista cultural e económico, o fomento ao turismo rural co aproveitamento do entorno paisaxístico e marítimo.

O dinamismo que pode implementar o Concello  é de dimensións fundamentais, como impulsor da transformación e do cambio de perspectiva.

A Administración Local ten que deixar de ser só un xestor de subvencións para pequenas obras e arranxos do dia a dia. É urxente deixar as políticas atrasadas “de sempre” por iniciativas novedosas capaces de cambiar o rumbo.

A Pobra do Caramiñal, un exemplo do que non debe ser