Rosalía de Castro, a imprescindíbel

56cb47043c-rosalia
56cb47043c-rosalia

Unha muller adiantada ao seu tempo

Rosalía de Castro, a imprescindíbel

“Eu son libre. Nada pode protexer a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”

Rosalía de Castro, Lieders

Rosalía de Castro foi unha muller pioneira en moitos aspectos. Nunha época na que a muller era un suxeito carente do máis elemental dereito, totalmente sometida aos designios do home, fora este o pai, o irmán ou o marido, ela tivo a ousadía de defender a súa terra, a súa “condición feminina”, e incluso de asinar as súas obras co verdadeiro nome.

No acontecido na vida de Rosalía no ano 1858 (casa con Manuel Murguía, escribe a súa primeira novela, La hija del mar e publica o manifesto feminista “Lieders”), podemos observar todas as facetas que fixeron dela unha figura universal excepcional, como muller adiantada ao seu tempo, como escritora: A súa vocación literaria, a súa posición vital rotundamente feminista e o seu compromiso e participación no incipiente movemento galeguista que a levan á reivindicación da lingua e da identidade do pobo galego, en especial da muller galega.

Consecuencia do seu compromiso con Galicia, o 17 de maio de 1863 publícase Cantares gallegos, en cuxo prólogo afirma: “Ben din que todo neste mundo está compensado, e vén así a sofrir España dunha nación veciña que sempre a ofendeu a misma inxusticia que ela, inda máis culpabre, comete cunha provincia homillada de quen nunca se acorda, como non sea prá homillala índa máis. Moito sinto as inxusticias con que nos favorecen os franceses, pró neste momento casi lles estou agradecida, pois que me proporcionan un medio de facerlle mais palpabre á España á inxusticia que ela á sua vez connosco comete”.

Pero a faceta que eu considero máis destacable é o seu feminismo, que expresa en dous pequenos ensaios, o manifesto Lieders (1858) e o artigo “Las Literatas. Carta a Eduarda” (1865). Do primeiro é a cita que encabeza este artigo. No segundo describe os “tormentos” polos que ten que pasar unha escritora polo feito de ser muller: “pola rúa sinálante constantemente, e non para ben, e en todas partes murmuran de ti”.

Este compromiso feminista non se limita ao plano intelectual, senón que leva a Rosalía a plasmar na súa poesía a empatía coas mulleres bravas e valentes da súa terra, do pobo, sometidas ao varón “porque o patrimonio da muller son os grillóns da escravitude” (Lieders).  A solidariedade coas mulleres que sofren vémola en poemas como “A xusticia pola man” (“Do íntimo”, Follas novas) mais sobre todo na quinta parte que integra Follas novas, dedicada á emigración, que a autora titulou “As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos”. As “viúdas dos vivos” son as mulleres dos emigrantes que quedan na casa condenadas a vivir como se estivesen viúvas, “gardando a ausencia” do marido do que en moitas ocasións non se volve saber nada, ben porque morreu ou porque, despreocupado polo que deixou atrás, forma unha nova familia alá onde estea. Rosalía transmite maxistralmente a soidade, as penalidades, o desespero destas mulleres. Todos os poemas desta quinta parte son salientables, mais hai un que en tan só catro versos transmite moi ben este desespero: “Non coidarei xa os rosales / que teño seus, nin os pombos, / que sequen, como eu me seco, / que morran, como eu me morro.”

Rosalía, pois, deixounos un importantísimo legado que as mulleres debemos continuar espallando.

Rosalía de Castro, a imprescindíbel