Sono ou realidade: a información ausente.

IMG_3491
Sono ou realidade: a información ausente.

É posíbel que xa lerades comentarios a respecto do eco, da presenza, da manifestación de onte nos medios, pero aínda así quero compartir convosco a miña desilusión. Dende logo non vou discutir sobre os milleiros de persoas que onte ateigamos o Obradoiro. Tanto me da como tanto me ten se eramos douscentos mil ou catro e o gato. Estabamos os que quixemos estar, non foi quen non quixo ou quen aínda estando polo non preferiu ficar na casa. O que me pon de moi mala hostia é que os xornais galegos borren das súas páxinas unha actividade que xunta miles de homes e mulleres arredor dunha preocupación colectiva. Que La Voz de Galicia que chega ao Barbanza non teña nin unha soa referencia á manifestación contra o mina de Touro - O Pino é unha vergonza que ten como responsábeis á empresa e aos seus profesionais, aos xornalistas que día si e día tamén someten o seu criterio ao nepotismo da administración, ao “ande yo caliente y ríase la gente”, ao emprego da lingua non para falar senón para lamber. Non é só unha cuestión de cabeceira, é unha cuestión de dignidade persoal, laboral e profesional. É unha cuestión de seguir sendo cómplice necesario ou non. E que El Correo Gallego despache o “asunto” cunha foto e catro frases non cambia en absoluto a miña consideración.

Vou gardar con moito coidado os exemplares de ámbolos dous xornais como exemplo, outro máis, da realidade paralela ao que someten cada día á cidadanía galega. E voulle propor á facultade de ciencias da comunicación da USC que os incorporen ao estudo do que NON é periodismo.

Galegas e galegos merecemos outro periodismo, xornais e profesionais máis éticos.

Galegas e galegos debemos dar unha resposta a estes comportamentos.

Sono ou realidade: a información ausente.