ALEGACIÓNS AOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2018

Os concelleiros do BNG propoñen alegacións aos orzamentos para facelos máis xustos e eficientes

Sin título
Os concelleiros do BNG propoñen alegacións aos orzamentos para facelos máis xustos e eficientes

Os concelleiros do BNG veñen de presentar alegacións aos orzamentos co obxectivo de que se inclúan partidas específicas para levar a cabo demandas de veciños e veciñas que o goberno municipal de NP pasou por alto na redacción dos mesmos.

En primeiro lugar reclamamos que se destinen especificamente cando menos 30.000 euros do apartado de “Asfaltados en pistas rurais” ao asfaltado e mellora da estrada de Cadreche a Vilariño, posto que esta estrada estaba impracticábel e os pouco máis de 2.000 euros que o goberno municipal tiña pensado investir nela non solucionarían o problema, como tampouco o solucionou o recente bacheado mal feito apresa e correndo.

En segundo lugar demandamos destinar 50.000 euros para redactar o proxecto e realizar a primeira fase das obras de mellora  na accesibilidade e seguridade viaria na rúa San Roque e Adro do Caramiñal, obra moi necesaria e urxente, como así foi recoñecido pola corporación, que sairían das partidas para asfaltado en zonas urbanas e melloras de accesibilidade no casco urbano.

En terceiro lugar propoñermos a creación dun espazo para a mocidade onde poder reunirse, crear, desenvolver actividades, facer deporte, etc nun lugar acaído de titularidade municipal, como é a antiga Escola unitaria do Camiño Ancho. Facemos esta proposta, moi necesaria e demandada, porque NP pretendía gastar 80.000 euros en acondicionar un local privado, alugado polo concello para unha casa da mocidade. Nós consideramos que non se debe facer un investimento de tal envergadura nun lugar que non é propiedade municipal, por iso solicitamos que eses 80.000 euros, mais os 31.386,80 que NP pretende destinar a un espazo multifuncional noutro local que non é propiedade do concello e mais os 10.000 que querían gastar na rehabilitación da vivenda, é dicir, un total de 121.386.80, en adecuar a antiga escola do Camiño Ancho, tanto no interior como no exterior, para lugar de lecer para a mocidade.

Por último solicitamos destinar unha partida de 100.000 euros a comezar o proceso de recuperación das naves dos Areos , posto que a pesar de ser escaso, o patrimonio histórico da Pobra do Caramiñal ten un gran valor e corremos o risco de perdelo se non se inviste na súa conservación. Estes 100.000 euros sacaríanse do apartado denominado  “Rehabilitación Torre Bermúdez e Auditorio Valle Inclán “, dotado nos orzamentos de NP con máis de 360.000 euros que irían destinados case na súa totalidade ao auditorio e non á Torre. Cremos que se poden corrixir as deficiencias do museo cun proxecto máis modesto e repartir eses cartos con outros inmobles a conservar.

Os concelleiros do BNG propoñen alegacións aos orzamentos para facelos máis xustos e eficientes