Comunicado do BNG

convivencia_y_reinsercion
convivencia_y_reinsercion

O BNG-AA da Pobra do Caramiñal esixe unha acción contundente do goberno municipal de Nós Pobra a respecto dos roubos realizados no almacén do Camiño Ancho e do uso da antiga escola unitaria.

Comunicado do BNG

No Pleno extraordinario do 27 de decembro pasado, o BNG manifestou a súa convicción de que cada día máis a marxinación social alcanza non só ás persoas que padecen determinadas adiccións ou patoloxías máis tamén ás vítimas da violencia de xénero, ás desafiuzadas, e ás castigadas polas guerras ou polas condicións de vida nas súas terras de orixe.

Asemade o BNG lembrou que xa esixira a inclusión nos orzamentos de 2016 de partidas para a creación de vivendas de emerxencia social en locais de titularidade municipal, por exemplo as antigas escolas unitarias, pois sendo o concello a administración máis próxima á cidadanía, ten a obriga moral e social de emprender medidas para a inclusión de todos os veciños e veciñas afectados por estas situacións de emerxencia.

O que non admitiu nin admitirá este grupo é que o goberno municipal afronte estas emerxencias con un samaritanismo carente da seriedade e efectividade  necesarias, xa que a asistencia a persoas en situacións de emerxencia debe planificarse de principio a fin, cuns obxectivos e metodoloxía claros, tendentes á consecución real da integración dende o momento en que os servizos sociais son coñecedores da necesidade ata a recuperación e reinserción das persoas demandantes. E para iso é preciso algo máis que xestos cara a á galería.

Por iso rexeitamos que se acollan as persoas en risco de exclusión social nunhas instalacións totalmente inadecuadas e sen programas de reinserción planificados, en colaboración con outras administracións ou colectivos experimentados, polo que esiximos que canto antes se redacte un Regulamento Municipal fronte ás Emerxencias, que permita detectar, atender e lograr o obxectivo da inclusión nas situacións que se dean no noso concello.

É por iso que votamos en contra do tratamento electoralista, materialista e demagóxico que o PP deu ao caso de acollemento na antiga escola unitaria do Camiño Ancho, aínda sen estar de acordo co samaritanismo do goberno municipal de NP.

Os feitos dos últimos días, iniciados na semana pasada, poñen en evidencia a improvisación do goberno de Nós Pobra e demostran claramente a súa incapacidade para afrontar de xeito rigoroso situacións como a do aloxamento dado na antiga escola do Camiño Ancho. O ocultamento dos feitos, o releo sobre o valor do roubado como atenuante da acción e outras circunstancias evidencian a política propagandística do goberno municipal.  

Por iso o grupo municipal do BNG-AA rexistrou o mércores día 10 unha pregunta interesándose pola situación xerada e pola solución que lle pensa dar o goberno municipal. O BNG-AA considera imprescindible que este reflexione e reconduzan as súas políticas no que se refire á xestión do acollemento en casos de emerxencia social.

Comunicado do BNG