MOCIÓN en defensa da sanidade pública galega.

Moción presentada polo concelleiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Casal Sabín, para a súa inclusión e debate no Pleno do 31 de xaneiro de 2019.

MOCIÓN en defensa da sanidade pública galega.

Un dos temas que máis alarma social está provocando na sociedade galega é o gravísimo deterioro da sanidade pública. Un deterioro que é o resultado  dos graves recortes e privatizacións que o Partido Popular leva realizado desde 2009, e que están poñendo en risco a saúde e a vida das persoas.

A política sanitaria de Núñez Feixóo á fronte da Xunta de Galiza ao longo destes anos está poñendo contra as cordas a sanidade pública e ten un fin moi claro: converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns. Favorecer que uns poucos fagan negocio a costa da enfermidade.

Todos os camiños da política sanitaria do PP tiveron como fin a privatización e o desmantelamento do sistema sanitario público a base de recortes continuos e de pór os recursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas. Durante os últimos  nove anos, o PP, con Nuñez Feixóo á  cabeza, impulsou  todo tipo de medidas que afondaron neste desmantelamento: redución de orzamentos, de centos de profesionais, de máis de 700 camas, privatización masiva de servizos, derivacións de doentes a centros privados...

A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes. Nos orzamentos da Xunta deste ano 2019 destínanse 188 millóns de euros menos que os que había en 2009, cun recorte acumulado de arredor de 2.188 millóns de euros.

As consecuencias son tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións, as listas de espera dunha semana, 10 días para o médico de familia, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, PACs ao limite...

Hai unanimidade entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais, doentes... en denunciar o grave deterioro que están provocando as políticas sanitarias do Partido Popular, e en que non estamos na fase de grupos de traballo, nin de enquisas virtuais, nin de auditorías. Estamos na fase de asumir responsabilidades e rectificar os recortes e as privatizacións.

Estamos nun momento crítico, onde a Xunta ten que dar explicacións e asumir as súas responsabilidades, ante uns feitos de máxima gravidade e rectificar.

En base ao exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes

A C O R D OS

  1. O Pleno do Concello da Pobra do Caramiñal insta á Xunta de Galiza a cubrir todas as prazas que por diferentes motivos quedan sen cubrir con reiterada frecuencia no noso centro de saúde, especialmente o caso do servizo de Pediatría.
  2. O Pleno do Concello da Pobra do Caramiñal insta á Xunta de Galiza a tomar as seguintes medidas nun compromiso claro de que se rectifica unha política sanitaria que está destruíndo a sanidade pública dos galegos e galegas e poñendo en risco o dereito á saúde:
  1. Aumento do orzamento destinado a Sanidade.
  2. Dimensionamento e estabilidade dos cadros de persoal: convocatoria de todas as prazas vacantes en todas as categorías/ contratos estábeis e dignos /substitucións d@s profesionais pola totalidade da ausencia / aumento das prazas de formación de especialistas, MIR.
  3. Eliminación listas de espera:  contratando persoal e tendo operativos todos os recursos dos que dispón o Sergas, camas, quirófanos...e non realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos  dispoñíbeis, susceptíbeis de ser usados nos centros públicos.
  4. Plan de Mellora de Atención Primaria: incremento do investimento até chegar como mínimo ao 20% do orzamento (no inmediato incremento de 200 millóns de euros). Recuperación das Xerencias de Atención Primaria con capacidade resolutiva e orzamentaria./ Incrementar as prazas de especialistas en pediatría e medicina familiar e comunitaria./ Mellorar os equipamentos nos centros de saúde e PACs / Garantir equipos completos de profesionais nos PACs.
  5. Reverter  as privatizacións e xestión propia dos servizos sanitarios.
  6. Eliminación dos copagos farmacéuticos.

 

MOCIÓN en defensa da sanidade pública galega.